entroido 2018

Comadres e os desfiles seguen liderando os festexos en Verín

cigarron_polidepor_result
photo_camera Un grupo de cigarróns, o pasado mércores diante do pavillón polideportivo.

A maior novidade é o cambio da data do pregón, do Xoves de Comadres ó Domingo de Corredoiro

A festividade do San Antón, en Verín, sempre coincide co pistoletazo de saída oficioso do calendario de festexos do Entroido da vila. Na tarde do pasado mércores, os verinenses que retornaban dos montes de Ábedes tiveron xa a ocasión de escoitar por primeira vez as chocas dos cigarróns, no primeiro día que tradicionalmente saen á rúa, xusto un día antes de que o Concello verinense fixese público o programa da festa máis representativa da vila. 

Poucas novidades presenta a programación, agás o xa coñecido cambio da hora e do día do pregón, que deixa de ser en Comadres para adiantarse ás 13,30 horas do Domingo de Corredoiro, 0  4 de febreiro. 

Serán, como sempre, os Compadres os chamados a abrir o Entroido deste 2018, coas súas ceas e posterior recorrido polas rúas da vila ataviados cos seus característicos chapeus, bigotes e gabardinas. Sairán da rúa Montemaior, pasando pola Praza Maior, Cruz, Praza da Mercé, Laureano Peláez, Irmáns Moreno, Deputación, Luís Espada, Lisa e Praza Maior de novo, onde, entre o estrondo dos petardos, celebrarán o xuízo e a queima do Maragato. Será na noite do vindeiro día 1 de febreiro, e unha charanga e a banda de gaitas do Concello de Verín acompañarán ó Maragato nos seus derradeiros instantes de vida antes do fogo.  Dous días despois será cando saían os cigarróns ás rúas de Verín, dende as 11,30 horas. 

No Domingo de Corredoiro, con ruxir das chocas por toda a vila logo de recibiren ós devotos que saen de misa na parroquia e na igrexa da Mercé, os cigarróns darán por inaugurado de xeito oficial unha nova edición do Entroido de Verín. Logo virán dez días de tolemia colectiva, que terán, como xa vén sendo habitual, dúas xornadas ben definidas onde se agarda unha masiva afluenza de xente: o Xoves de Comadres, 0 8 de febreiro,  e o día grande da festa, o Domingo de Entroido, o 11 de febreiro, co seu desfile a partires das doce e media do mediodía. 

Nenos e mulleres compartirán o protagonismo o día 8 de febreiro

Pero se hai un día sinalado no programa de festexos do Entroido de Verín, que fai que sexa coñecido máis alá das fronteiras da propia comunidade, ése é o Xoves de Comadres. Un día na que a vila rexistra a maior concentración de mulleres por metro cadrado de todo o país, onde todos asumen que ésa é a noite delas, se é que os cativos da comarca lle ceden o protagonismo.

A partir das 11,45 horas, os nenos e nenas de Punto de Atención á Infancia do Concello de Riós, Gardería Pinocho, CEIPs Amaro Refojo, Princesa de España, Castrelo do Val, Rodolfo Núñez de Vilardevós, Vendas da Barreira, Augusto Assia da Mezquita, Medeiros, Colexio Rural Agrupado Monterrei, Colexio María Inmaculada e o IES Taboada Chivite percorrerán as rúas máis céntricas de Verín no xa multitudinario Desfile Infantil de Entroido.

Á noite, logo das tradicionais ceas das Comadres nos restaurantes da vila, amenizadas polas charangas Támega, Vakapinta, Mil9, Europa e Trives, as mulleres dirixiranse á Casa de Escudo, no barrio de San Lázaro, onde, a iso das 00,30, partirá a procesión camiño da Praza Maior.  O Venres de Compadreo dará paso a fin de semana grande, co desfile de carrozas e comparsas do domingo, ás 12,30 horas, como epicentro.

Te puede interesar