ENTROIDO

Os Compadres dan a saída esta noite á festa en Verín

Compadres Verin_result
photo_camera Os Compadres percorren co Maragato as rúas de Verín no Entroido do ano pasado.

O Concello poñerá en marcha un amplo plan de seguridade para garantir o disfrute desta celebración 

Os Compadres daran esta noite o pistoletazo de saída ao Entroido en Verín. A festa arrancará a partir das 23,30 horas. Logo das típicas ceas nos restaurantes da vila, os Compadres percorrerán, ataviados con chapeus, bigotes e gabardinas, acompañando ao carro do Maragato, as rúas Montemaior, Praza Maior, Cruz, Praza da Mercé, Laureano Pelaez, Irmáns Moreno, Deputación, Luis Espada, Lisa e Praza Maior, onde terá lugar o xuizo e a queima do Maragato.  Este percorrido polas rúas estará amenizado por unha charanga e a Banda de Gaitas do Concello de Verín e trala queima, a festa rematará na Praza Maior coa actuación dun DJ.

O Concello verinense aproveitou a xornada de onte para presentar un amplo "Plan de Autopreotección para o Entroido 2017", que explicou a concelleira Cándida Couñago. O obxectivo do Concello é poñer tódolos medios e medidas en materia de seguridade para que veciños e visitantes "poidan disfrutar do Entroido sen que se poña en risco a súa saúde e integridade física". 

Con este obxectivo, procederase a reforzar os equipos de emerxencia, tanto de axuda interna como externa e aumentaranse os efectivos de Protección Civil e Cruz Vermella. Así, o día do desfile infantil, regularase o tráfico rodado no centro da vila e para os desfiles do Domingo e Martes de Entroido manterase un dispositivo semellante aos anos anteriores.

O Xoves de Comades o dispositivo de seguridade contará coa participacion da Policía Local, Garda Civil, Garda Civil de Tráfico, Protección Civil de Verín, A Gudiña e Lobios e Cruz Vermella de Monterrei. Estes equipos estarán coordinados desde o Posto de Mando Avanzado da Axencia Galega de Emerxencias que se situará la praza García Barbón e que contará cun equipo de videograbación de seguridade. Así mesmo, estarán dispoñibles dous postos sanitarios e dúas ambulancias. Por último, o Sábado de Entroido farase un plan preventivo que contará cun posto sanitario e unha ambulancia.

Como novidade, no tríptico e no libro do Entroido que se reparte entre veciños e visitantes inclúense consellos de seguridade a seguir no caso dunha emerxencia, así como un plano coas vías de evacuación. O concello deseñou tamén un plano de mobilidade para a circulación rodada nestas datas, no que inclúe as cinco novas zonas de aparcadoiro libre gratuito que se acondicionaron na vila.

Te puede interesar