entroido

Os compadres inauguraron a troula verinesa a ritmo de charanga e lume

xoves_de_compadres_vera_n36_result
photo_camera O Maragato avanza entre a multitude cara o seu peor final.

Miles de persoas participaron na tradicional noite que supón o inicio da festividade na vila, ataviados con chapeus e bigotes

Verín xa é Entroido. Unha das noites máis tradicionais e agardadas do ano na vila non defraudou aos miles de compadres que se deron cita polas principais rúas da localidade, nunha noite na que o tempo acompañou para poder disfrutala.

Grupos de mozos e de mozas "de incógnito" ataviados con gorras, chapeus, gabardinas e bigotes congregáronse á noitiña nos ateigados bares e restaurantes da vila onde, como é habitual, non faltou o bo humor, os cánticos entre mesas e a música tradicional e de charangas, que fixeron toda unha "xira" polos locais verineses para contentar a un público entregado á festa logo dun ano de agarda.

Finalizadas as ceas, os compadres percorreron en grupos as rúas Montemaior -onde tivo lugar a saída-, a praza Maior Cruz, a da Mercé, as rúas Laureano Peláez, Irmáns Moreno, Deputación, Luís Espada, Lisa e, de volta á praza Maior, celebrouse a tradicional queima do Maragato. Tampouco faltou o acompañamento da Charanga Támega e da Banda de Gaitas de Verín. Os máis festeiros disfrutaron da música dunha discoteca móvil ata altas horas da madrugada na praza Maior.


Domingo corredoiro


A vindeira cita do Entroido verinés terá lugar mañá domingo, día 24 de febreiro, co Corredoiro. Os Cigarróns concentraranse a partir das 11,30 horas na praza do Concello e, tal e como manda a tradición, os feligreses serán recibidos por eles á saída das igrexas. Ás 11,30 horas, na praza Maior, terá lugar o pregón.

Te puede interesar