ENTROIDO

O Concello invita a participar na organización do Entroido

entroido_result
photo_camera Cigarróns desfilando na pasada edición do Entroido de Verín.

O ente municipal vén de convocar o venres 21 de outubro a toda a cidadanía verinense interesada en participar da organización

A Concellería de Cultura e Festexos do consistorio de Verín atópase dando xa os primeiros pasos de cara á organización do Entroido do vindeiro ano 2017. Co obxectivo de realizar un "deseño colaborativo" destes festexos, o ente municipal vén de convocar a toda a cidadanía verinense interesada en participar da organización, a unha reunión informativa que se celebrará o venres 21 de outubro, ás 20,00 horas, no Salón de Actos da Casa da Cultura.

Na xuntanza está previsto que se aborden todos aqueles aspectos que sexan necesarios de cara ao bo desenvolvemento do evento máis importante que se celebra anualmente no concello. Entre outras cousas, prevese coordinar unha comisión organizadora que teña como finalidade "que siga crecendo en calidade, seguridade e atractivo turístico, sen perder as súas máis arraigadas tradicións".

Segundo explicou a concelleira Emilia Somoza, con este encontro, que será "o primeiro de moitos", búscase "animar a todos os verinenses a participar de maneira activa na preparación do vindeiro Entroido". 

"Queremos crear estes encontros de participación cidadá para coñecer as ideas de todos/as", explicou a concelleira Emilia Somoza. A intención do grupo de goberno é "colaborar cos cidadáns para que sexan estes, desde as súas propostas e iniciativas, os que organicen, sempre baixo a tutela do consistorio, o noso Entroido”. Os interesados poden escribir un correo electrónico á dirección [email protected].
 

Te puede interesar