MONTERREI

Verín concentrará a publicidade municipal escrita en cinco paneis informativos

Desde o Executivo municipal rógase a todos os veciños que fagan un uso respectuoso e racional deste novo recurso informativo, como son os paneis

O grupo de goberno verinense habilitará cinco paneis informativos en puntos estratéxicos da vila coa finalidade de mellorar a comunicación cos cidadáns, manter limpas as paredes do casco urbán e reducir o uso innecesario de papel. Estes paneis teñen dúas facianas, unha reservada á información municipal e outra dispoñible para a libre expresión dos veciños, favorecendo así a accesibilidade informativa a todos os colectivos sociais de Verín.

Onte pola mañá instaláronse os dous primeiros paneis na rúa Lisa e na Avenida de Portugal (no cruzamento con rúa Irmáns La Salle). O luns colocaranse os tres restantes. O proxecto, que conta cunha partida inicial de 4.900 euros (IVE engadido), dotará ao centro urbán dun total de cinco espazos públicos. Segundo a demanda veciñal do servizo, o grupo de goberno está aberto a ampliar novas zonas informativas. 

Desde o Executivo municipal rógase a todos os veciños que fagan un uso respectuoso e racional deste novo recurso informativo, xa que é responsabilidade de todos coidar o mobiliario urbano. Poderanse colocar calquera tipo de informacións non comerciais, e unha vez que todos estes espazos estean habilitados e en funcionamento comezarase a sancionar a aqueles veciños que coloquen carteis en espazos prohibidos, como así se recolle na ordenanza municipal sobre civismo.

Os carteis deben pegarse con celo, sen  chinchetas nin cola, con só un cartel por evento (cun tamaño máximo de A3) en cada un dos paneis.

Te puede interesar