TURISMO

A Eurocidade desenvolve unha estratexia para o sector turístico

eurocidade_result
photo_camera Diego Lourenzo preside a reunión da Eurocidade.

Están a ser organizadas xornadas de traballo para identificar as súas necesidades formativas 

Dentro do proxecto "A raia ibérica-destino de fronteira", o director técnico da Eurocidade Chaves-Verín, Pablo Rivera e o tenente de alcalde de Verín, Diego Lourenzo, mantiveron este mércores unha xuntanza con empresarios e axentes de turismo do barrio norte da eurocidade co obxectivo de coñecer as necesidades de formación do sector. Neste senso, preténdese identificalas e así ser capaces de implementar un programa formativo dacordo ao destino.

Trátase, por outra banda, de establecer unha estratexia de desenvolvemento turístico para a fronteira ibérica que se extenda por toda a área que delimita España e Portugal. A pretensión do proxecto é converter o espazo fronteirizo nun destino turístico único, integrado e estruturado. 

Na reunión apostouse por traballar a prol da calidade ligada á formación de axentes de turismo, sendo eles xestores de produtos e recursos, informadores, ou responsables de servizos turísticos dun territorio. 

Para avanzar en todo esto están a ser organizadas distintas xornadas de traballo en formato de obradoiros por toda a fronteira co obxectivo de identificar as necesidades de coñecemento. 


Proxecto destino fronteira


O proxecto "Destino fronteira" está enmarcado dentro da primeira convocatoria de proxectos do Poctep Interreg V-A para o periodo de programación 2014-2020 e dirixido á poboación transfronteiriza da faixa ibérica entre España e Portugal. Abrangue 1.200 quilómetros dunha fronteira dividida entre sete provincias españolas e dez distritos portugueses para potenciar o seu desenvolvemento turístico. 

Dende a entidade destacan que se trata dun proxecto innovador de cooperación trasnacional entre territorios que comparten non só un mesmo espazo senón tamén elementos da propia identidade cultural e económica.

Te puede interesar