ENTREVISTA

Morris: "O FIC ten unha imaxe moi potente, en 10 anos virán estrelas de nivel internacional"

Morris
photo_camera Antonio Durán "Morris", en Verín. (Foto: Óscar Pinal)

"Morris" é, como moitos vigueses, metade ourensán. O primeiro que di, orgulloso, ao sentar para comezar esta entrevista, é que o seu apodo deriva do apelido Moreiras, dos Peares, terra da súa nai

 O Festival Internacional de Curtas de Verín quixo rendirlle homenaxe a este actor galego de raza que, tras participar en máis de 70 longametraxes, atravesa o seu momento máis doce co éxito da serie "Fariña". Esta semana proxectáronse en Verín as pezas "Unary" e "Dhogs", protagonizadas polo actor. 

Que significa para vostede este recoñecemento que lle fan dende o FIC?

Cando un está en activo e recibe estas homenaxes é algo moi bonito, un pracer inmenso. Ademais, penso que os festivais dos pobos que hai aquí en Galicia teñen máis futuro e máis vida que os das propias cidades. O festival de Verín ten unha imaxe moi potente e de aquí a 10 anos estou seguro que virán estrelas internacionais como invitadas. 

A organización do FIC referiuse a vostede como un actor de raza, ¿está de acordo?

Si que o lín e penso que os actores galegos, ou polo menos, os da miña xeneración, somos de raza. Cando empezamos o fixemos con teatro, porque non había canle pública. Logo, cando nos iniciamos no audiovisual, eramos actores todoterreo. Facíamos de presentadores, "sketches", actuacións máis dramáticas...nacemos á heroica, como se di no fútbol. Pero todos os galegos somos de raza. 

Despois de tantos anos, considera que o éxito lle chegou agora, con Fariña?

Un pouco si, pero en Galicia non. Aquí dende que empecei a traballar non parei, entón, non chamarlle recoñecemento a eso sería moi cruel pola miña parte. Son 40 anos vivindo desto e ese é o mellor recoñecemento. Pero si, Fariña foi un pistoletazo un tanto inesperado.

Vostede dixo nalgunha ocasión que creceu co contrabando. 

Si, co Winston de batea. Na rúa do Príncipe, en Vigo, había sempre un señor cunha bolsa berrando "¡de batea, de batea!". Eu teño 59 anos. Coñezo historias pola miña familia de Ourense do contrabando con Portugal. Este país se tivo que buscar a vida durante moito tempo con el e foi unha forma de meter riqueza. Sempre existiu en Galicia. No caso de Fariña a cousa vai máis alá e vén todo o que vén, a descarga de droga e todo eso. 

Cambiou moito o “Morris" de Fariña, con respecto ao de Pratos Combinados?

Penso que non. O que si teño é mais ilusión que antes, mais profundidade e mais tranquilidade.

Te puede interesar