reconocimiento

Homenaxe dos escolares de Vilardevós a Manuel María

Na idea, promovida por José Estévez López, participaron máis de 460 persoas representativas da cultura, a política, a actividade sindical e mesmo da ensinanza

O CEIP Rodolfo Núñez de Vilardevós vén de recibir nestes días o froito do traballo dalgúns dos seus alumnos e dunha das súas mestras, Rochi Nóvoa, logo de teren sido convidados a participar no libro homenaxe a Manuel María que o pasado ano a Deputación de Lugo patrocinou con motivo da celebración do día das letras galegas do 2016. 

Na idea, promovida por José Estévez López, participaron máis de 460 persoas representativas da cultura, a política, a actividade sindical e mesmo da ensinanza, tendo á escola ourensán de Vilardevós como única de toda a provincia en colaborar na edición da publicación. 

Amais da titora Rochi Nóvoa, poeta  nada en Sobradelo (Xunqueira de Ambía), colaboraron os alumnos Breixo Barreira, Antía Agustiño, Marta Diéguez, Diego Diz, Gabriel González, Nanyeli Morgado, Alba Quintas, Antía Rose, Óliver Rose e Zaida. 

Todos eles compartiron páxinas en "Manuel María. Libro colectivo de homenaxe no seu día das Letras Galegas" con nomes tan destacados da narrativa e poesía en lingua galega como Xavier Alcalá, Lucía Aldao, Iolanda Aldrei, Xesús Alonso Montero, Miguel Anxo Fernández, entre outros moitos da cultura do país. 

CENTRO PLURILINGÜE

A recepción do traballo no que participaron os alumnos de Vilardevós coincide co comezo do curso escolar no que o centro Rodolfo Núñez foi un dos poucos do rural da provincia en adquirir a condición de centro plurilingüe.

Te puede interesar