CULTURA

Leonardo Vidal volve a Verín con “Melodías de luz e cor"

A exposición foi presentada esta mañá na casa consistorial de Verín polo propio autor e pola concelleira de Cultura, Emilia Somoza

Leonardo Vidal volve a Verín con “Melodías de luz e cor"

Do 16 de marzo ao 21 de abril, a Sala de Exposicións de Verín acolle a mostra pictórica "Melodías de luz e cor", do artista verinense Leonardo Vidal Rodríguez. Logo de expoñer en Verín, Leonardo, descoñecido polas gamas de cores nas que agora crea, convida de novo á veciñanza da comarca a visitar as instalacións da Casa da Cultura para apreciar a súa obra. A crítica especializada di do decano dos artistas da vila que "xa sabiamos da súa valentía de trazo, ponderada por críticos e amantes da arte, así como da súa cor contida e realista, hiperrealista en ocasións, que vólvese impresionista e inquietante en moitas das súas obras".

A exposición foi presentada esta mañá na casa consistorial de Verín polo propio autor e pola concelleira de Cultura, Emilia Somoza. 

Leonardo Vidal Rodríguez, simplemente Leonardo como nome artístico, aínda que naceu en Ordelles, Pereiro de Aguiar, pódese dicir que é un pintor verinense, porque a maior parte da súa vida viviu en Verín, onde casou e desenvolveu a súa actividade creativa. En Verín foi tamén onde expuxo Leonardo por primeira vez, alá polo ano 1974.