PRODUCTOS LOCAIS

Maridaxe de mexillóns e cervexa artesá en Verín

AAASC_result
photo_camera Pablo Casanova e a concelleira Purificación Caldelas.

A praza Maior acollerá a súa terceira feira, que terá mercado medieval

No Concello de Verín presentouse onte a terceira edición da feira da cervexa artesá e artesanía medieval, que terá como escenario a praza Maior da vila o vindeiro fin de semana. No acto estivo presente, ademais da concelleira de Turismo, Purificación Caldelas, o director da Asociación para a Divulgación da Cultura da Cervexa Artesá (Adiccag), Pablo Casanova, que comparte responsabilidade no colectivo coa xerencia dunha das firmas productoras que se darán cita o vindeiro venres, dende as 17 horas coa apertura dos postos. Ás 19 horas terá lugar a primeira cocción de mexillóns ao vapor, que se repetirá ás 12 e ás 19 de sábado e domingo. Desta volta, estarán presentes tres marcas da comarca -Monte Rei (Verín), Celebridade Galega (Verín) e Chopps (Laza)-, outra galega -O Corvo (Vilanova de Arousa)- e dúas chegadas de fóra da comunidade, La Sibeira (Extremadura) e La Verbena (Valdemoro, Madrid). A entrada é gratuíta e as cervexas artesás terán un prezo popular de 2 euros a cana. Tamén estarán dispoñibles botellas e packs para a venda.

Durante o festival haberá un percorrido no que se lle entregará ao participante unha papeleta con 8 espazos que irá cubrindo cos selos dos seis fabricantes cervexeiros. Os visitantes terán os 3 días para completar a papeleta e, o domingo ó terminar a actuación musical, realizarase un sorteo entre todos os que completaran o cartón, no que se lle entregará 8 packs de cervexa. Tamén se sortearán sobres con ordes de compra achegados polos comerciantes.

Te puede interesar