MONTERREI

Tres mil persoas participaron no Festival de Curtas

20181208220706584_result
photo_camera Ledicia Sola e Nieves Rodríguez, nun momento da gala da clausura.

O público premiou a Adelaida Lamas de Verín por "La poesía solo muere cuando termina"

O Festival Internacional de Curtas de Verín, FIC Vía XIV, finalizou onte coa celebración dunha gala no Auditorio na que se desvelou o nome das curtas premiadas. Os traballos seleccionados son: "La poesía solo muere cuando termina", dirixida pola verinesa Adelaida Lamas, premio Especial do Público; "Judgment, de Filipinas", dirixida por Raymund Ribay, premio do Xurado á Mellor Curtametraxe da Categoría Oficial Nova; "Our Song to War", coprodución de Bélxica e Colombia dirixida por Juanita Onzaga, premio do Xurado á Mellor Curtametraxe da Categoría Oficial Outra Mirada; "Bacha Posh", cinta alemana dirixida por Yalda Afsaf e Ginan Seidl, premio do Xurado á Mellor Curtametraxe da Categoría Oficial Horizontes; "Pele de Luz", curta portuguesa do autor André Guimar, premio do Xurado á Mellor Curtametraxe da Categoría Oficial; "A Raia e Fauve", curta de Canadá dirixida por Jeremi Conde, Premio Camira da Crítica.

As condutoras do acto, a presentadora de televisión Nieves Rodríguez e a actriz Ledicia Sola, foron as encargadas de desvelar os nomes dos gañadores tras unha semana de votacións e deliberacións. A asistencia e participación no festival e nas súas actividades paralelas, ao longo de toda a semana, foi de “arredor 3.000 persoas”, tal e como revelou no decurso da gala o director do certame, Carlos Montero.

En nome do Concello de Verín, o tenente alcalde Diego Lourenzo, afirmou que esta gala é "unha celebración do cinema" e "unha celebración da cultura". En referencia á vila, indica que "somos un pobo que non só ama as artes, senón que fai destas un dos seus principais alimentos para seguirmos camiñando e construíndo". O FIC sitúa a Verín como "un epicentro de cine e cultura", demostrando, unha vez máis, "que somos unha vila chea de vida".

Finalmente, o director do Festival de Curtas, Carlos Montero, declarou que desde a organización tentouse "involucrar aos principais axentes socioeconómicos da comarca na engranaxe do festival", e agradeceu a todo o equipo "o seu traballo, esforzo e implicación e as horas dedicadas en prol do bo funcionamento deste festival".

Na gala de clausura participou tamén o actor Antonio Durán Morris, ao que a organización do FIC Vía XIV rendiu homenaxe este ano coa proxección de varias obras nas que ten participado tales como a curta Unary, que foi o filme inaugural do festival, ou as longametraxes Dhogs e A estación violenta. 

Te puede interesar