os maios

Música, chave, coplas, polbo e unha feira solidaria para a tradicional cita en Verín

Maios Verin_result
photo_camera Emilia Somoza e Purificación Caldelas.

Ás once da mañá, e ata ben entrado o mediodía, está previsto que teña lugar a tradicional exhibición dos maios artísticos confeccionados polas diversas asociacións e colectivos inscritos

O vindeiro luns día 1 de maio, como vén sendo habitual desde os anos oitenta, a praza da Alameda de Verín acollerá a tradicional Festa dos Maios. Este ano, como novidade, a Praza Maior tamén foi o escenario escollido para a que será a segunda edición da Feira Solidaria de Verín. Así o confirmaron onte na presentación das actividades programadas as concelleiras das áreas de Turismo e Cultura, Purificación Caldelas e Emilia Somoza, na casa consistorial de Verín.

Ás once da mañá, e ata ben entrado o mediodía, está previsto que teña lugar a tradicional exhibición dos maios artísticos confeccionados polas diversas asociacións e colectivos inscritos, como o son a Asociación Verinense de Amigos da Música, a Asociación Veciñal O San Salvador (Mixós–Monterrei); o CPR Plurilingüe María Inmaculada, o CEIP Princesa de España e o CEIP Amaro Refojo. Tamén ás 11 da mañá comezará unha exhibición dos participantes no Torneo de Petanca Maios 2017 (con 8 parellas inscritas) e as tiradas da modalidade infantil do Trofeo de Chave Ricardo Soto, para o que aínda está aberto o período de inscrición de alumnos e alumnas de 5º e 6º de Primaria do CEIP Amaro Refojo, do CPR Plurilingüe María Inmaculada e do CEIP Princesa de España. As notas musicais brotarán, ás doce, da banda do Conservatorio Elemental de Música de Verín, ao tempo que arranca o torneo de chave dos adultos. Ás 12,30, a Banda de Gaitas comezará o seu desfile dende o Concello e ata a Alameda. Haberá un posto de polbo e as coplas estarán á venda por un euro.

Te puede interesar