MONTERREI

Oímbra promocionará o seu patrimonio nas botellas dos seus viños

Uns elementos nas etiquetas proporcionarán imaxes e vídeos do Concello

Oímbra promocionará o seu patrimonio nas botellas dos seus viños

Unha reunión entre as oito adegas ubicadas no Concello de Oímbra, a súa alcaldesa, Ana María Villarino Pardo, e o representante da firma galega Xoia que desenrolará o proxecto, Xoel Vázquez, definiu a folla de ruta para conquerir que na vindeira campaña produtiva do 2019 todas as botellas de viño que se embotellen no municipio modifiquen lixeiramente as súas etiquetas para que estas sexan interpretadas a través de software de realidade aumentada proporcionando, mediante dispositivos móbiles, información non só das adegas e viños participantes no proxecto senón tamén da riqueza patrimonial e cultural deste Concello ourensán con reconstrucións en 3D de lagares e adegas seculares.

O proxecto está respaldado financeiramente pola Deputación de Ourense, que investirá arredor de 15.000 euros na posta en marcha da iniciativa que terá á realidade aumentada como soporte da súa tecnoloxía. 
Os bodegueiros do municipio enviarán á entidade encargada do desenvolvemento do proxecto as súas etiquetas para o seu redeseño no que se engadirán elementos identificativos que con posterioridade permitirán acceder a unha aplicación móbil, que tras ser descargada da internet facilitará o acceso á información contida na etiqueta, na que figurarán vídeos promocionais do municipio, da súa historia, riqueza patrimonial, ou mesmo información máis comercial de cada unha das adegas participantes, como poderán ser imaxes das súas instalacións, métodos de elaboración do viño que comercializan ou historia das mesmas. 

A xuntaza, na que participou a alcaldesa do Concello como promotora da iniciativa, "foi tremendamente frutífera, os empresarios  abandoaron o encontro moi satisfeitos, eu tamén, porque esta posibilidade porá ao noso municipio e as súas potencialidades na mesa de moitos xantares por todo o territorio, tamén internacional".

Pola súa banda, o director executivo de Xoia Software Development, afirmou que se trata dun proxecto "innovador" e que "aporta un relevante valor engadido á experiencia do consumidor destes viños".