premio

O Pedra Alta entregarase a Antonio Colmenero o día 24

Premio Pedra Alta.
photo_camera Antón Jardón, Xosé Lois Carreira, Delfín Caseiro e Manuel Seoane Feijóo.

Este recoñecemento pretende poñer en valor a persoas que, cos seus estudios, investigacións ou escritos, teñan posto en valor a cultura, a arqueoloxía e o patrimonio da Comarca da Limia

Vilar de Santos prepárase para un dos eventos máis importantes do ano: a entrega do Premio Pedra Alta, que terá lugar finalmente o vindeiro 24 de novembro. Este recoñecemento pretende poñer en valor a persoas que, cos seus estudios, investigacións ou escritos, teñan posto en valor a cultura, a arqueoloxía e o patrimonio da Comarca da Limia. Se no pasado 2017 este distintivo foi a parar ás mans do lexicógrafo, etnógrafo e doutor en Filoloxía Elixio Rivas Quintas, este ano será o investigador natural de Lucenza, Antonio Rodríguez Colmenero o homenaxeado. 

O presidente do Museo da Limia, Delfín Caseiro; o coordinador da mostra, Antón Jardón Dacal; o arquitecto e membro do Padroado, Manuel Seoane e o escultor e autor do menhir que se entregará ao premiado, Xosé Lois Carreira, reuníronse este xoves en Xinzo de Limia para presentar data e programación desta actividade conmemorativa. O acto comezará ás 11,15 horas cunha visita ao Museo da Limia para, posteriormente, facer entrega a Antonio Rodríguez Colmenero do seu galardón. "Agardamos que a entrega teña tan boa acollida como o ano pasado", manifestou, na súa intervención, Antón Jardón. 

Pola súa banda, Delfín Caseiro asegurou que, para o Padroado, "foi unha moi boa idea a instauración deste premio. O ano pasado Elixio manifestounos un sentimento de gratitude e achegamento que foi moi gratificante para nós". 

Os traballos de Antonio Rodríguez Colmenero centráronse no mundo da arqueoloxía, como os que levou a cabo no campamento "Aquis Querquennis".

Te puede interesar