MONTERREI

O primeiro folión pon a punto en Laza os preparativos da festa

Laza. 27-02-17. Provincia. Luns borralleiro en Laza coa baixada da Morena dende Cimadevila ata a praza da Picota.
Foto: Xesús Fariñas
photo_camera A baixada da Morena no Luns Borralleiro que se celebrou o ano pasado no Entroido de Laza.

Esta actividade repetirase os venres 26 de xaneiro e 2 de febreiro, como preludio da semana grande

 

Os primeiros petardazos do Entroido, a modo de golpe seco na pel do bombo, deron onte pola noite a benvida á ancestral festa en Laza. Grupos de veciños participaban no folión e percorría as rúas anunciando a toda a poboación cos seus sons que se achega o Entroido a esta vila que, con Xinzo e Verín, conforman o triángulo máxico desta festa. 

Pasadas as once, arrancaba unha das celebracións máis senlleiras da provincia, que terá continuidade, á mesma hora, os vindeiros venres días 26 de xaneiro e 2 de febreiro. Serán o preludio da semana de tolemia que comezará o día 8 de febreiro, coincidindo tamén co xoves de comadres. Antes de que as mulleres se fagan co bastón de mando no concello, serán os cativos do CEIP O Castiñeiro os que protagonicen, polas rúas de Laza, o seu particular folión, previsto para as 14,30 horas. 

Ese xoves dará paso ó "venres de folión", verdadeiro anuncio de que o fin de semana do Entroido acaba de chegar. Dende medianoite, con saída ó fondo da Cerdeiriña, os veciños do lugar, provistos de chocos, fachóns, moito viño e xastré percorrerán as rúas da Cerdeiriña, A Picota, A Rúa, Souteliño e Cimadevila, ata ben entrado o sábado de cabritadas.

A estrea dos Peliqueiros terá lugar o domingo de Entroido, logo da saída de misa, como xa é tradicional, con reparto da bica de Laza na praza da Picota. Pola tarde, quenda para o desfile de carrozas típicas. A música vespertina e de verbena virá da man de dúas prestixiosas formacións, Compostela e Capitol.

O luns borralleiro abrirase coa farrapada, de mañá, para dar paso á Morena, que baixará dende Cimadevila acompañada das imprescindibles formigas, dos toxos e dos cobelleiros. Concluirá o día, de novo, con música, previo reparto de cachucha e pan.  Será o martes cando se lea o testamento do burro, no lusco e fusco, e se dé por rematada a troula co enterro do Entroido.

Te puede interesar