"Queda moito camiño por percorrer para acadar un mundo accesible para todos"

Manuel Pousada Bermúdez é o presidente da Asociación de persoas de diferentes capacidades de Verín . Nada hai catro anos, non tiña case actividade ata que este técnico agropecuario nacido en Riós fíxose cargo dela

Dende cando é o presidente de Adisver e qué foi o que o levou a asumir esta responsabilidade?

Cómpre salientar que acordamos mudar o noso nome por "Asociación de Diferentes Capacidades" xa que "Asociación de Discapacitados" pode ferir certas sensibilidades. Por outra banda, asumín a presidencia hai catro meses. A asociación, dende a súa creación, non tivo practicamente actividade. Fíxeno movido pola necesidade de dar visibilidade a este mundiño na comarca e de loitar para facer un mundo máis doado para todos . 

Cantos socios forman parte desta asociación?

No momento do xurdimento da asociación había ao redor dunha docena de socios. O que pasa é que a xente non era moi participativa á hora de facer actividades. Agora acadamos a vintena. 

Os socios son de Verín e da comarca ou hai tamén xente de fóra?

Principalmente somos de Verín e arredores pero queremos colaborar coas asociacións existentes en Chaves. Observamos que alí hai carencias no que atinxe á accesibilidade das persoas con mobilidade reducida. 

E no caso de Verín e da súa comarca, que é o máis urxente no que se ten que traballar neste sentido?

Preocupanme moito as zonas rurais. Son consciente de que hai incluso persoas que case non saen da súa casa. Falo de casos bastante serios, de estar moitísimos anos sen saír ao exterior dun recinto pechado. Tamén queda moito por facer no que atixe ás barreiras arquitectónicas, non soamente aquí, se non en toda a provincia de Ourense. As persoas de mobilidade reducida enfrentámonos todos os días a unha morea de problemas neste sentido dos que moita xente non se da conta. Para min un exemplo de cidade accesible é Pontevedra, é unha pasada.

Cal é a mensaxe que dende a súa posición lanzaría neste sentido?

Primeiro tomar conciencia de que queda moito camiño por percorrer para acadar un mundo accesible para todos e segundo, invitar á participación na asociación xa que cantos máis sexamos máis forza imos a ter.

Están vostedes inmersos agora en varias actividades na vila. 

Si, iniciamos o primeiro Congreso Internacional de Persoas con Diferentes Capacidades. A última conferencia foi sobre Educación Vial e tivo lugar no salón de actos da Casa da Cultura de Verín. Tamén organizamos unha andaina de cinco quilómetros ás tres fontes (Cabreiroá, Fontenova e Sousas) en colaboración co clube de sendeirismo de Monterrei.

Te puede interesar