MÚSICA

O reencontro de dous mestres

nunez
photo_camera Núñez e Anistratov, con Marian Rodríguez, bisneta do Gaiteiro de Moialde.

O pasado fin de semana, a capital do Támega acolleu a xuntanza de dous grandes artistas internacionais. Carlos Núñez y Alexander Anistratov compartiron confidencias sobre unha pasión común, o mundo da gaita.

Carlos Núñez, un dos músicos galegos máis internacionalmente recoñecidos, visitaba as terras do Val do Támega o pasado fin de semana. Considerado un dos mellores gaiteiros do mundo, elexíu o refuxio do Castelo de Monterrei para traballar, nun ambiente sosegado e apartado do barullo da súa vida diaria, no seu último proxecto, sobre as Cantigas de Santa María, de Afonso X 'O Sabio'. Precisaba concentrar as súas ideas arredor dunha das grandes obras da nosa música pechado nas paredes antigas do pasado, preparando deste xeito o seu vindeiro concerto na capital de Galicia. Mais a súa presencia non pasou desapercibida para a veciñanza verinense. 

Carlos enterouse de que por estas terras do sur ourensán tamén andaba un vello amigo seu, o ruso Alexander Anistratov 'Sasha'. Este "verinense de corazón" é coñecido por ser un virtuoso da gaita celta, tanto da súa variedade irlandesa, como da escocesa e, por suposto, da galega.

"Non sabería dicir cal é a mellor, todas emiten sons magníficos e diferentes", afirma Sasha. Este gaiteiro ruso, xa visitara Galicia a principios do presente ano para inspirarse de cara á gravación do seu último disco. Tamén coñecía as terras de Monterrei, pois no ano 2014 participou na xuntanza internacional de gaiteiros que se celebrou aquí. 

Fillo de escultor, ademáis de tocalas, tamén fabrica toda clase de gaitas en Pipesland, o seu taller de fabricación musical en Moscova. Coñecido desde hai anos en Rusia, Letonia, Alemaña, Bélxica ou Reino Unido, ademais de en España, Anistratov é intérprete de música folk e tradicional. Conta que Núñez o chamou tan pronto se decatou de que estaba en Verín.

"Tivemos que quedar de maneira inmediata para termos unha cea agradable chea de conversas musicais e filosóficas", comenta nun perfecto inglés. Se ben todavía non é quen de falar español ou galego, verbas como "punteiro", "palleta" ou "muiñeira" non se lle escapan.
Durante as longas conversas na cea con Carlos Núñez, xurdiu a idea de visitaren xuntos a aldea de Moialde, a apenas 20 quilómetros de Verín. Alí vivira o famoso Gaiteiro de Moialde, xa falecido, pero cuxo neto –Francisco Prado Alonso– conserva un dos seus instrumentos máis prezados. Trátase dunha gaita con máis dun século de historia e da que Alexander está a tomar medidas completas co obxecto de replicala e "ouvir de novo o son das raíces da música galega". 

Carlos e Alexander pasearon polas rúas da zona vella da vila verinense, desfrutaron da gastronomía e do viño da comarca, falaron coas xentes, e compartiron durante dous días a súa maior pasión: ese aerófono tamén chamado cornamusa que constitúe o paradigma da nosa música popular. 

Núñez volveu a Vigo, pero Sasha, quen xa leva case tres meses residindo en Verín, ficou. "Eu toco música galega porque amo a música galega", conta cun sorriso entusiasta. Destaca sentirse moi agradecido co bo trato dos veciños de Verín, onde afirma atoparse plenamente "integrado na sociedade".

Te puede interesar