PATRIMONIO

Unha réplica da Estela do Val reabre o Museo para o Lázaro

A peza orixinal foi atopada no 2011 por Xosé Luis Lozano e é unha das poucas que existen en Europa

Reproducción da Estela do Val.
Reproducción da Estela do Val.
Unha réplica da Estela do Val reabre o Museo para o Lázaro

O Concello de Verín reabre as portas do Museo Claustro Mercedario o próximo sábado ás 12,30 con motivo das festas do Lázaro. Entre os novos contidos destaca a interpretación patrimonial de importantes pezas do pasado do Val de Monterrei, como a Estela do Guerreiro ou Estela do Val, reproducida fielmente a escala real da orixinal que custodia o arqueolóxico de Ourense; e da ara romana de Julio Casio, un soldado de elite dos principios da era cristiá, orixinario de Verín, que militou nas lexións de César Augusto. 

A Estela do Guerreiro foi atopada en Castrelo do Val en 2011 por Xosé Luis Lozano e reportada ás autoridades culturais por Bruno Rúa, e dende o primeiro momento a súa posesión provocou importantes diferenzas entre as autoridades locais e as de Patrimonio. A súa importancia radica en que trata dunha peza única en Galicia, pertencente ás apenas cen que existen en Europa e que representa as armas dun guerreiro da idade do Bronce. A maioría destas desta estatuas-menhir proceden do bronce final, no territorio do que sería Tartessos, a grande civilización peninsular a través da que se iniciaron os primeiros contactos con Grecia, Fenicia e Cartago. 

Dende alí, estas "estatuas do guerreiro" se foron expandindo polas principais rutas comerciais, dándose a singularidade de que contactaron con Galicia a través do que co tempo sería a ruta da Prata. A través destes primeiros contactos comerciais chegou a cultura ou a personaxe á que se lle ergueu, aproximadamente mil anos antes de Cristo, a estatua atopada en Pedra Alta, en Castrelo do Val.

OUTRO IMPORTANTE ACHÁDEGO

O Museo Claustro Mercedario integra tamén outra peza importante para o pasado do Val de Monterrei. Trátase doutro guerreiro, neste caso un soldado de elite da II Lexión "Augusta", Julio Casio, veciño de A Cabanca, que tras chegar a oficial voltou á súa terra para dedicar un altar á deidade oficial, Xúpiter Óptimo Máximo.