MONTERREI

A robótica achégase neste verán ós nenos ourensáns

20180721212239526_result
photo_camera Ademais de obradoiros de robótica (na imaxe), tamén haberá cursos de pilotaxe de drons e programación.

Seis concellos da provincia ofertarán formación en enxeñaría informática

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) organizan nestes meses de verán –finais de xullo, agosto e setembro– unhas xornadas sobre robótica, pilotaxe de drons e creación de personaxes para videoxogos enmarcadas no programa "Tech Kids", destinado a fomentar o interese pola ciencia e a tecnoloxía entre a mocidade galega.
Organizaranse máis de 30 xornadas nas Aulas CeMIT en diversos concellos das catro provincias galegas (Fisterra, Arzúa, Bande, Carballedo, Beariz, Brión, Boiro, Ortigueira, Leiro, Guitiriz, Tomiño, Padrón, Xunqueira de Ambía, O Barco de Valdeorras, Ribeira, Santa Comba, Coruña, Cuntis, San Sadurniño, Cerceda, Abegondo, Valga, Celanova, Pontedeume, Ribadeo, Pontevedra ou Vimianzo, entre outros pendentes de confirmación). Os mozos e mozas interesados en participar nestas xornadas deben inscribirse na Aula CeMIT da súa localidade.

Nestas sesións celebraranse competicións nos distintos ámbitos: programación, robótica, manexo de drons, creación de personaxes para videoxogos..., de xeito que se ofreza aos mozos e mozas unha oportunidade para achegarse de forma lúdica e divertida á tecnoloxía e á enxeñaría en informática. "A mocidade deberá superar distintos retos e desafíos, aprendendo e poñendo en práctica o seu talento dixital e amosando a súa capacidade de resolución de problemas, ao tempo que desenvolverá competencias persoais como a creatividade e o interese pola ciencia e tecnoloxía", destacou o responsable do programa, Francisco Rodríguez. Tamén se fará fincapé no fomento do talento dixital feminino, para que as nenas e rapazas vexan a computación e a enxeñería como algo propio delas e consideren a profesión de enxeñaría en informática como un traballo que as axudará a acadar os seus soños e ambicións.

Te puede interesar