ENTROIDO EN VERÍN

O segundo desfile repetiu bo humor e espectacularidade

Onte rematou, cáseque oficialmente, o Entroido na vila de Verín, pero aínda queda o Domingo de Piñata para pechar os días de troula

A todo se chega, incluso ao mércores festivo logo de tantos días de troula que levaron a Verín, unha vez máis, a ser un dos epicentros da celebración pagana por excelencia, o Entroido. 

Onte pola tarde, aínda que xa se vivía Entroido pola mañá, volveron a encherse as rúas de xente, cara as cinco, para presenciar a definitiva saída do desfile de comparsas e carrozas que tivo a súa estrea o domingo anterior. Cumpriuse a tónica, e foron menos os comparecentes e tamén menos organizado, pero non deixou de ter a espectacularidade coa que comeza a recuperar o seu esplendor imaxinativo este Entroido do sur da provincia. 

Pola mañá, a animación musical correu a cargo das charangas Támega e Jalácticos. A partir das 16,30, o derradeiro desfile repleto de máscaras, disfraces e grandes doses de humor estivo acompañado dos acordes musicais das charangas Támega, Vakapinta, Nova Terra de Trives e Jalácticos. Como non podería ser de outra maneira, a festa rematou na Praza Maior coas orquestras Garibaldi e Gran Parada.

Mayra Gómez Kemp diría aquelo de "hasta aquí puedo leer", ou mellor dito, ata o vindeiro domingo, onde se porá fin á festa de xeito oficial e definitivo coa celebración do xantar popular para todos os participantes no desfile, no tradicional Domingo de Piñata. 

Te puede interesar