VITICULTURA

A Uned tutelará o primeiro curso de cata de uva e mosto

museo_result
photo_camera O Claustro Mercedario estase a converter na referencia museística vitivinícola de comarca.

Xa está aberto o prazo para se incribiren nas xornadas dos vindeiros días 5 e 6 de outubro

A delegación da Uned en Ourense vén de abrir o prazo de inscrición para o primeiro dos cursos de cata do ciclo "De Monterrei ó mundo" que se celebrará en outubro no Museo Claustro Mercedario de Verín. Trátase de dúas xornadas monográficas sobre as variedades de uva e os mostos propios da Denominación de Orixe Monterrei.

A primeira sesión docente celebrarase na tarde do venres 5 de outubro e na mañá do sábado 6, e estará impartida polos técnicos oficiais do ente regulador vitivinícola. Nela analizaranse as características organolépticas das variedades de uva autorizadas e preferentes da denominación local, así como as características que confiren aos seus respectivos mostos.

O Museo Claustro Mercedario abre así o ciclo de cursos "De Monterrei ó mundo" centrados na cata profesional dos viños de Monterrei no contexto enolóxico global, que realizará ó longo de todo o ano en colaboración coa Uned e a Denominación de Orixe Monterrei.

Os cursos serán impartidos por destacados representantes do mundo da cata e sumilleres de recoñecido prestixio, como Luis Paadín, director da Guía de Viños de Galicia, e técnicos da D. O. Monterrei, entre outros expertos, e estarán centrados nas peculiaridades dos viños da comarca, pero tamén nas principais tendencias produtivas da enoloxía mundial. A matrícula, de 15 euros, pódese formalizar xa na páxina de Uned Ourense, onde tamén se pode consultar o programa. Toda a información precisa para a formalización está xa dispoñible no seguinte enlace: https://goo.gl/Nfdtkw.

Nos seguintes meses, ata xuño do vindeiro 2019, manterase o pulso formativo profundizando na produción doutras rexións vitivinícolas por excelencia.

Te puede interesar