MONTERREI

O único convento mercedario ourensán festexa o ano xubilar

Dende o 17 de marzo e ata que remate o 2018, atravesar a súa porta permitirá obter a indulxencia

Ata o vindeiro 31 de decembro o convento Mercedario da vila verinense terá o privilexio, outorgado pola Santa Sé, de ser o único templo xubilar da provincia no que se poida ganar a indulxencia plenaria. O pasado sábado tivo lugar a cerimonia de apertura da porta xubilar coa presenza do bispo de Ourense, Monseñor Leonardo Lemos Montanet, logo de que na Basílica Pontificia, en Roma, se declarase o ano santo en todas as igrexas da orde coincidindo co oitavo centenario da congregación.

Foron moitos os veciños, acompañados das autoridades municipais e tamén de representantes da igrexa, os que se deron cita nunha xornada festiva co propósito de cruzar, cara o interior do templo mercedario, a súa porta principal, agora xa convertida en xubilar. 

Pedro Nolasco, o fundador

A Orde da Mercé foi fundada o dez de agosto de 1218 por Pedro Nolasco. Foi o papa Gregorio IX quen a recoñeceu como tal no ano 1235 e o rei Xaime I quen, co apoio prestado ao fundador, o que conseguiu cos primeiros freires mercedarios organizar a misión da obra eclesiástica. 
A orde mercedaria estableceuse no priorato de Verín no ano 1597. Foi no ano 1608 cando se autorizou ao seu comendador o traslado da igrexa da Madanela e dos osos dos defuntos á vila. En 1642 rematou o desmantelamento completo do templo quedando instalados de xeito definitivo na praza á que lle acabaron dando nome. No convento mercedario poderase obter a indulxencia plenaria todos os días ata fin de ano respectando os tres requisitos fixados, que non son outros que exercer o sacramento da confesión nunha marxe de 15 días antes ou despois do marcado para ganar a indulxencia, recibir a comunión e orar polas intencións do Pontífice.

Te puede interesar