DEPORTE

Verín abre o prazo de inscripción para os cursos deportivos

Acrosport e bailes urbanos son as novas apostas para estes cursos, que necesitan un mínimo de vinte inscritos

O Concello de Verín ven de abrir o prazo de inscripción para os diversos cursos deportivos municipais dirixidos ao público infantil.  Desde a Concellería de Deportes infórmase de que, este ano, entre as modalidades ofertadas atópase a actividade de "acrosport", enfocada a nenos nacidos entre os 2002 e o 2010. Estas aulas impartiránse martes e xoves de 18,15 a 19,15 horas. 

O acrosport é un deporte "socio-motriz", onde existe sempre a presenza dun ou varios compañeiros que sincronizan as súas accións motrices nun espazo. Trátase dunha actividade cooperativa, onde os acróbatas adestran habilidades motrices  en busca dunha gran perfección técnica e coreográfica.

Tamén fica aberta a inscripción para "bailes urbanos" –zumba, hip-hop, popping, funky e cramp– enfocados a nenos da mesma franxa de idade e que será impartida martes e xoves en dous grupos. Os grupos serán determinados segundo a franxa de idade dentro do rango establecido.
Dende o consistorio da capital do Val do Támega animan á participación dos veciños e veciñas máis novos da vila, pois para iniciar un curso deportivo precisaranse un mínimo de vinte alumnos inscritos. 

Os prezos serán de 56 euros  para os alumnos que se atopen empadroados no municipio e de 70 euros para os non empadroados. Así mesmo, todas as actividades serán desenvoltas nas instalacións da piscina climatizada. 

Aquelas familias que desexen obter máis información ao respecto destes cursos, deberán dirixirse ás oficinas de inscripción e información do Pavillón Municipal de Deportes verinense en horario de atención ao público de 9 a 14 horas. Tamén se poden poñer en contacto cos funcionarios municipais mediante o teléfono 981411140. 

Te puede interesar