MAIOS 2018

Verín abre o prazo para participar nos Maios 2018

maios_result
photo_camera Un dos Maios que participaron na exhibición do pasado ano na praza da Alameda de Verín.

Ata o día 23 de abril poderán inscribirse todos os colectivos interesados

O Concello de Verín vén de facer públicas, un ano máis, as bases para a participación nunha nova edición da senlleira festa dos Maios, conmemorativa dunha tradición que comezou na década dos anos 50 do pasado século da man de Enrique Gómez Pato. Este verinense é lembrado por velo percorrer as rúas da vila con efémeras esculturas de madeira recubertas de plantas silvestres e acompañado de fieis acólitos que cantaban e espallaban unhas coplas que a veciñanza da vila agardaba sempre  pola súa creatividade e crítica satírica do que foron os feitos máis relevantes dos últimos doce meses previos á celebración. 

Na mostra, que non ten carácter competitivo, poderán inscribirse no Concello de Verín e antes do 23 de abril todos aqueles centros de ensino, institucións e asociacións culturais e sociais da comarca que estiveran rexistradas e que mantiveran actividades de carácter público despois da festa dos Maios do pasado 2017.

Os Maios artísticos, incluso se se tratan da vestimenta de humanos, terán que estar recubertos na súa totalidade con elementos naturais, como poden ser xestas, carrabouxos, flores ou mesmo táboas. No caso daqueles elaborados polo alumnado de Educación Infantil, exteriormente, deberán utilizar materiais de refugallo. 

Como axuda para as custas de montaxe, a cada asociación que concorra á concentración e cumpra coas bases entregaránselle 200 coplas. Aos centros de ensino, polas características específicas das comunidades educativas, entregaránselle 25 coplas e unha cantidade de 175 euros, que será de 250 euros se o centro presenta, ademais do Maio artístico, tradicional ou humano, un feito por alumnado de Educación Infantil.

Te puede interesar