VERÍN

60 metros de tobogán na Batucada Verín 2018

A Batucada, que se celebrará os vindeiros 27 e 28 de xullo, conta cunha variada programación.

Emilia Somoza, na presentación.
Emilia Somoza, na presentación.
60 metros de tobogán na Batucada Verín 2018

O 27 e 28 de xullo celebrarase a Batucada de Verín 2018. Serán dúas xornadas cheas de música, auga e festa para todas as idades.

A festa comezará o venres ás 11,00 horas co "Desfile da Ludoteca Especial Batucada". A temática elixida este ano son as profesións. O percorrido comezará no CEIP Amaro Refojo e irá por Laureano Peláez, Praza do Concello, Praza da Mercé, Rúa da Cruz e Praza García Barbón, para terminar coa tradicional "Festa Infantil da Ludoteca", ás 12,00 horas, no CEIP Amaro Refojo.

Pola tarde, de 16,30 a 20,30 horas, é o turno da "Festa Acuática na Praia fluvial" para que os cativos, e os que non o son tanto, disfruten xogando coa auga. Nesta ocasión contarase con animación musical, inchables de terra e, como novidade, un Tobogán Acuático Xigante de 60 metros, a actividade estrela desta edición da Batucada.

Pero como non podería ser doutra maneira, a auga e a escuma serán os principais protagonistas. O sábado 28, ás 16,30 horas, celebrarase na Praza García Barbón, coa animación a cargo de Discomóbil A Gramola, a grande "Festa da escuma e da auga". Ás 19,00 horas, comezará o "Desfile Pasa-Rúas da Batucada" que sairá da Praza Maior e continuará pola Praza da Mercé, Laureano Peláez, Irmáns Moreno, rematando no Pavillón dos Deportes de Verín.

 O grupo Gin Toni's cerrará esta edición da Batucada cunha actuación na Praza García Barbón ás 00,00 horas.