LOITA ANTIINCENDIOS

Verín crea zonas de seguridade contra o lume en todos os pobos

20170622223025404_result
photo_camera O prazo para limpar as áreas de protección rematará o vindeiro 7 de xullo.

O Consistorio emitiu un bando obrigando aos veciños á limpeza da biomasa nos núcleos rurais

O Concello de Verín atópase inmerso na elaboración dun plan especial de protección contra incendios, que abarcará a creación de franxas de seguridade ante as casas nos 17 núcleos de poboación que conforman o municipio. Neste sentido, a administración local ven de emitir un bando informativo no que alerta á poboación da obrigatoriedade de efectuar o desbroce da biomasa nas parcelas situadas a menos de 50 metros dos lindes dos núcleos rurais. 

A medida responde ao cumprimento da Lei de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais de Galicia, que impón o mantemento de franxas de protección arredor dos núcleos de poboación, casas illadas, polígonos e outras edificacións situadas en zonas forestais e nas súas áreas de influencia. Deste xeito o ente local recorda a importancia de preservar a limpeza dos terreos para contribuír a unha adecuada protección contra o lume no ámbito rural. 

Segundo sinalan dende o Concello de Verín, entenderase como "área de protección dos núcleos rurais" a que estea comprendida dende 50 metros a contar dende a última edificación que constitúa o núcleo habitacional.

Dende o Consistorio advirten, por outra banda, que as fincas comprendidas dentro destes límites de seguridade nas que non sexa eliminada a biomasa antes do vindeiro día 7 de xullo de 2017, serán "desbrozadas de oficio" polo propio Concello de Verín, que ademais e en virtude da lexislación vixente, procedería a facturar a contía da limpeza ao seu responsable, sexa persoa física ou xurídica. 

Fontes municipais subliñan que, debido ás previsións que alertan dun verán especialmente seco na comunidade galega, será necesaria, por parte de todos os veciños, " a máxima prudencia e colaboración" neste sentido. 

Os alcaldes pedáneos de todos os núcleos rurais do municipio de Verín, ofrecerán información detallada ante calquera dúbida, sobre os planos aos propietarios das fincas que desexen coñecer a súa ubicación exacta sobre a franxa de seguridade. 

Te puede interesar