Verín debaterá sobre o río Támega e o Invernadoiro

Será o 29 do mesmo mes cando se peche este ciclo arredor do Támega.

A Asociación Cultural Monterrei organiza, en colaboración co consistorio verinense, catro xornadas sobre o medio ambiente. As citas celebraranse no mes de outubro e no vindeiro mes de decembro. En outubro están programadas tres xornadas focalizadas no río Támega, mentres que en decembro haberá unha monográfica arredor do Invernadoiro. Todas elas terán lugar no Salón de Actos da Casa da Cultura entre as 18 e as 20 horas.
Será o sábado 8 de outubro, cando os interesados poderán acudir ao primeiro dos eventos. Nel presentarase o novo Plan Director do río Támega coa presenza das autoras. A continuación, Pedro Veiga, enxeñeiro medioambiental, exporá a súa experiencia na rehabilitación do río en Amarante.

O 22 de outubro, tamén sábado, celebrarase unha mesa redonda sobre o ecosistema propio do río montederrense. O presidente da Sociedade Galega de Historia Natural, Serafín González, disertará sobre a cuestión acompañado por os respectivos representantes da ADEGA, da Confederación Hidrográfica do Douro e de Medio Ambiente.

Será o 29 do mesmo mes cando se peche este ciclo arredor do Támega. Os alcaldes de Verín, Monterrei, Laza, Castrelo do Val, Oímbra, Cualedro, Vilardevós, Amarante e Chaves debaterán nunha mesa redonda sobre as políticas medioambientais. A xornada rematará coa sinatura da Declaración de Verín.
Xa en decembro, o sábado 3, terá lugar a derradeira cita sobre o pasado, presente e futuro do Parque Nacional do Invernadoiro. n

Te puede interesar