educación

Verín inaugurou o programa Kero Kolo para familias da vila

Diego Lourenzo fala cunha usuaria do servizo "Kero Kolo".
photo_camera Diego Lourenzo fala cunha usuaria do servizo "Kero Kolo".

A iniciativa busca converterse nunha aula de convivencia na que compartir experiencias do día a día e unha antesala da entrada ao centro educativo

O programa "Kero Kolo" foi inaugurado de xeito oficial polo tenente de alcalde de Verín e concelleiro de Mocidade, Diego Lourenzo. Trátase dunha iniciativa na que este ano participarán máis dunha vintena de nenos e nenas da vila, así como as súas respectivas familias. 

Pretende, por outra banda, ser un punto de encontro entre pais, nais e fillos, estes últimos con idades comprendidas entre un e tres anos. Tal e como explicaron dende o Concello de Verín, nese espazo aprenderán a relacionarse entre eles mentres participan nunha serie de actividades vencelladas coa educación infantil. 

A iniciativa "Kero Kolo" busca converterse nunha aula de convivencia na que compartir experiencias do día a día e unha antesala da entrada ao centro educativo.

As actividades enmarcadas dentro deste programa especial celebraranse habitualmente no ximnasio do Pavillón de Deportes de Verín, concretamente, na aula destinada a traballar a psicomotricidade, todos os martes e os xoves en horario de 11,30 horas a 13,00 horas. 

Moitas das actividades serán propostas polos participantes nesta actividade que busca a súa consolidación no futuro.

Te puede interesar