HOMENAXE

Verín lembra a pegada do arquitecto Gulías na vila

gulias_result
photo_camera Pedro Seara, Gerardo Seoane (alcalde), Lucila Vázquez-Gulías (neta do creador), Rafael Méndez e Antonio Blanco.

Un mural na praza Maior e un ciclo de conferencias, principais actividades

O Concello de Verín e a Fundación Váquez-Gulías, que recolle e analiza o legado do arquitecto ourensán, colaborarán na difusión e análise da obra do creador na vila do Támega, que aparece moito máis prolífica do que se pensaba nun principio. Alomenos sete edificios e unha obra funeraria foron deseñados por Gulías na capital de Monterrei, fronte aos tres que se recoñecían nun momento inicial. 

Charlas divulgativas nos inmobles e a inclusión da vila nun documental que a Fundación prepara sobre a vida de Gulías serán os eixos desta colaboración que onte deu comezo coa instalación dun mural na praza Maior de Verín e que recolle os sete inmobles de Gulías atopados ata o momento, algún deles na propia praza. 

"Gulías mantiña unha relación especial con Verín", sinalou o alcalde e tamén arquitecto, Gerardo Seoane, "dada a súa amizade personal con García Barbón e cos Peláez". É por iso, explicou, que abonda a súa obra na vila, como acontece coa obra funeraria, coma o propio panteón que plantexou para Barbón, pero que ao final quedou para a familia Peláez. 

"É polo tanto normal que realizara en Verín unha gran cantidade de obra, só superada pola capital da provincia, onde edificou case todo na rúa do Paseo, Alameda, e outras zonas coma Progreso".

As actividades da Fundación Vázquez-Gulías agora en Verín pasarán pola programación de visitas guiadas ás principais obras na Vila, centradas na súa divulgación, así como á investigación de outras posibles colaboracións do autor en importantes edificios.


AS OBRAS IDENTIFICADAS


As obras xa identificadas pola fundación  na vila verinense son, segundo aparece no mural instalado onte no centro do casco vello, o balneario de Cabreiroá, a casa dos pináculos na praza, a casa Peláez, o antigo cine Oterino, o edificio do Recaredo Romero e  dous panteóns no cemiterio municipal.

Te puede interesar