MUNDO

A Batalla de Crown Heights

<p></p>
photo_camera Dúas persoas choran nun funeral en Brooklyn.

En 1991 a tensión dun atropelo provocou "o maior incidente antisemita da historia dos Estados Unidos" 

Empezo por unha recomendación, lean Historias de Nova York de Enric González. Xa ten uns anos pero paga a pena se lles interesa coñecer ben a cidade, súa historia e milleiros de curiosidades como porqué o Bronx se chama o Bronx ou porqué a bandeira de Nova York ten as cores laranxa e azul. Amais para min ten un compoñente extra de curiosidade porque fala de correspondentes en Nova York de varios medios que agora son meus compañeiros, o cal sempre fai certa gracia cando o comentamos. De feito caeu nas miñas mans por unha carambola cando Sergio Rozalén, correspondente de DPA, e máis eu estabamos a baleirar un vello almacén.

Nese libro non está a historia da batalla de Crown Heights pero podería aparecer sen problema ningún. Cúmprense agora 25 anos de 3 días de disturbios que tiveron a este barrio de Brooklyn en estado de sitio, e que serviron case de catarse entre dous poboacións enfrontadas: os afroamericanos e os xudeus hasídicos.

Crown Heights é un barrio agora considerado "ben" situado no medio de Brooklyn, pegado ao norleste de Park Slope (un maxestoso parque que pouco ten que envexar a Central Park) e cheo de brownstones. Os brownstones, son eses edificios baixos de ladrillo e con escaleira no medio que vemos nas películas, que abundan tamén polo East Village en Manhattan, e nas novelas de Paul Auster, que vive en Brooklyn, por certo.

Se visitan Nova York, á marxe da ponte de Brooklyn, seguro que lles chama a atención unha ponte longuísima que se ve ao lonxe. Tan longa que comunica Brooklyn con Staten Island. Esa é a ponte de Verrazzano. O señor Giovanni Verrazzano foi un navegante italiano que chegou ao sur de Brooklyn en 1524 e fixo a primeira aproximación aos indios Lenape que poboaban esta zona. Xa daquela era lugar de mestizaxe. Saltando ao presente a xentrificación fixo que agora sexa un barrio incluso caro nalgunhas zonas...pero non foi sempre así. Por exemplo, durante a administración Jonhson (1963-1965) foi considerado oficialmente como unhas das bolsas de pobreza de Nova York. A porcentaxe poboación daquela era -e segue sendo- maioritariamente afroamericana-caribeña en máis do 75% e o resto divídese entre, brancos, latinos e xudeus hasídicos.

Os hasídicos, para entendernos, pola forma de vestir e de vida serían o que chamaríamos comunmente ultraortodoxos. Para os homes, vestimenta negra xa desde pequeniños e pelo rapado con patillas de tirabuzón, e para elas vestidos sobrios co pelo sempre cuberto por un sombreiro ou unha perruca. Si, moitas mulleres afeitan á cabeza e levan perrucas porque só o marido na intimidade pode verlles o pelo… ao mellor isto lles fai repensar a súa postura sobre os musulmáns e o burca e quen son máis radicais dos dous. En todas as relixións hai elementos disonantes e máis se levan o “ultra” diante, xa sexan musulmáns, católicos, xudeus ou pastafaristas. Bueno, non creo que haxa ultrapastafaristas, sería curioso. O pastafarismo defínese como a relixión Monstro do Espagueti Voador. Ten moito de Monty Python, humor absurdo, pero trasfondo non tan absurdo como parece e con moita carga crítica.

Un "tour de constrastes"

Volvemos a Nova York. Sen estenderme moito, os hasídicos teñen en Crown Heights o seu principal templo e no sur de Williamsburg, un reduto, que é a súa zona. Para que se fagan unha idea do chocante que é este núcleo de poboación hai un “tour” -efectivo economicamente pero de dubidoso gusto- que se chama “Tour de Contrastes”. Esta excursión leva ao turista por diferentes barrios da cidade para que poidan ver as distintas realidades a través dos cristais, coma se dun safari se tratara, e no canto de animais perigosos, o que se ve son persoas “curiosas”. Pois ben, o barrio hasídico entra dentro deste tour. Estás en Brooklyn, pero parece que estás en Tel Aviv, todo escrito en hebreo ou yiddish e só ves xente de negro pola rúa. De feito había un carril bici que pasaba polo barrio e a comunidade pediu que se retirara porque era un “escándalo” ver as rapazas (non hasídicas, obviamente) en vestimenta sport polo barrio.

Con estes mimbres, con esta mezcla de culturas no barrio, era cuestión de tempo o que sucedeu. En 1977 Crown Heights xa viviu a súa primeira revolta por mor dun apagón que foi aproveitado para facer saqueos masivos, pero en 1991 foi diferente. O 19 de agosto a caravana de coches do rabí Menachem Mendel Schneerson sufriu un accidente e atropelou, logo dun choque, a Gavin e Angela Cato -afroamericanos os dous- que se atopaban na veira rúa. A partir de aquí dispáranse as versións. A máis estendida entre a poboación negra foi que as ambulancias xudeas negáronse a transportar a Gavin Cato mentres se ocupaban dos feridos da súa caravana e unha vez remataron marcharon. O rapaz morreu. Outras din que o condutor do coche xudeu intentou axudar a levantar a furgoneta que estaba aplastando aos rapaces e cando chegou a ambulancia xudea foi levado ao hospital nela, e que ao pouco chegou a ambulancia do concello de reforzo e levou a Gavin. Sexa como fora, a tensión latente viu a vía de escape, e ese feito foi a mecha do que o historiador Edward Shapiro considerou como “o maior incidente antisemita da historia dos Estados Unidos”.

Na mañá do 20 de agosto un grupo de case 30 afroamericanos rodearon e asasinaron a coiteladas a Yankel Rosenbaum, un xudeu australiano de 29 anos, que estaba a facer o doutorado en Brooklyn. 350 efectivos da policía tentaron en van reforzar a seguridade do barrio. As consignas polas rúas eran “Non Xustiza, Non Paz!” ou “Morte os xudeus!” mentres os negocios, casas e sinagogas eran asaltadas ou sitiadas. Durante as protestas outro home non xudeu foi asasinado aparentemente por un erro… e tras tres días chegou a fin. Os líderes das dúas comunidades fixeron un chamado á calma e comezaron a construír un espazo de tolerancia que por fortuna chega ata hoxe. Politicamente un nome que seguro lles soa, Rudolh Guiliani -o alcalde do 11-S-, utilizou este incidente para gañar as eleccións á alcaidía de Nova York por diante de David Dinkins. Guiliani meteu no vocabulario dos americanos a palabra “pogrom” “pogromo” un linchamento étnico usado en casos de violencia contra os xudeus, e co apoio do poderosísimo lobby xudeu de Nova York gañou as eleccións…pero a de Guiliani como diría Enric González, xa é outra historia.

Te puede interesar