DENTRO DO IMPERIO

A chuvia de pianos sobre Manhattan

<p></p>

A imaxe dun cativo en Siria nunha padiola ferido e coa ollada perdida deu a volta ao mundo. 

O presunto terrorista de Nova York vivía nunha zona galega. O condado de Elisabeth é o condado veciño a Newark en New Jersey, e Newark é onde se atopa a maior colonia galega dos Estados Unidos. De feito Ahmad Khan Rahami está agora mesmo no Hospital de Newark. Por sorte ninguén en New Jersey resultou ferido. Puido ser unha traxedia. Como saben este home colocou 4 bombas a pasada fin de semana en New Jersey e en Manhattan. Isto de por si xa é noticia nunha cidade con forte presencia policial, pero é que a fin de semana pasada, ademais, non era unha fin de semana calquera. Era a previa á chegada á cidade de 138 Xefes de Estado e de Goberno para participar -este creo que é o verbo que mellor define a reunión- para participar como digo, na 71 Asemblea Xeral de Nacións Unidas. Viñemos participar.

Realmente o de menos da Asemblea son os discursos dos 193 países membros. So lle importan aos países en cuestión. Alguén sabe o que dixo o presidente de El Salvador, ou Nixeria, ou Francia? A resposta é non, e aos presentes no foro non tiña pinta de importarlles en exceso tampouco. O importante da Asemblea é o que sucede ao seu redor coas xuntazas bilaterais ou multiraterais dos equipos de goberno. A ONU ten que reinventarse, desengraxar a súa estrutura, soltar lastre funcionarial e por riba de todo remodelar o Consello de Seguridade. Esta é unha entidade que mantén o equilibrio de poder de vencedores e vencidos da Segunda Guerra Mundial (Francia, Reino Unido, China, Rusia e Estados Unidos teñen dereito de veto) e onde, por exemplo Rusia, leva anos opoñéndose a unha intervención en Siria. Con un que non queira o resto do mundo non pode facer nada...E así pasa a vida nas vetustas salas da ONU na beira do East River en Manhattan. Os traxes non se manchan de sangue.

Por certo, non sei se saberán que España, no que foi considerado un éxito da nosa diplomacia, é agora mesmo Membro Non Permanente do Consello de Seguridade da ONU onde estamos xunto con Angola, Exipto, Xapón, Ucraína ou Venezuela…Poñendo negro sobre branco, nas grandes decisións estratéxicas do Consello non temos moito que dicir (como os outros dez países non membros de pleno dereito) pero si que é certo que introducimos temas como o da Igualdade da Muller que ate que o plantexou España non era un asunto que se tratara neste Consello, senón noutras organizacións coma ONU-Mulleres. Sobre Siria, Palestina, Ucraína…temos voz e voto pero cunha posición extremadamente feble. Moito se leva falado de remodelar as regras do Consello de Seguridade pero…que país vai renunciar o seu dereito a veto? Ningún.

Tema ONU á marxe -había que tocalo para entrar en contexto xa que foi a semana da Asemblea- volvamos aos atentados. Máis que aos atentados en si, volvamos á xestión de como se levou a cabo a captura do presunto autor e a reacción dos neoiorquinos. O primeiro artefacto estourou o venres New Jersey, estaba nunha papeleira preparado para detonar cando pasara por diante unha carreira de Marines. A carreira retrasouse e o artefacto estourou sen apenas causar danos. Baixa intensidade. O de Manhattan, no transitado barrio de Chelsea, xa foi outra cousa. Tivo a potencia suficiente para ferir a 29 persoas. O terceiro foi atopado pola policía. E o cuarto de novo en New Jersey estourou o luns pola maña cando o robot policial intentaba desactivalo. Sen feridos. 48 horas 4 catro artefactos nunha cidade que se supuña blindada para esa semana.

A partir do domingo á noite o FBI xa tiña claro a quen buscaba. Andiveron na súa procura e ao non atopalo a alcaldía activou un protocolo que nunca antes se usara nunha situación así. Ás 7:55 da mañá do luns todos os móbiles da área de Nova York recibían unha alerta que os facía vibrar e soar cunha mensaxe que daba os datos do presunto terrorista. Esa alerta só se activara 8 veces desde 2012 e para casos relacionados con ameazas meteorolóxicas, risco de inundacións etc. nunca contra terrorismo. En liñas xerais, á marxe da sorpresa, a cidadanía non o tomou como unha intromisión na súa intimidade -que podería ser- senón como unha axuda…e o caso é que funcionou. Dúas horas máis tarde o home era localizado e tras un tiroteo coa policía, apresado. Agora só falta que sexa o verdadeiro culpable. Falando desa mensaxe, digo que podería ser unha intromisión na intimidade e así reaccionaron tamén algúns neoiorquinos e así o recolleu Trevor Noah, no seu The Daily Show. Noah recompilou “tweets” de cidadáns anoxados porque o concello os despertara cunha alerta no seu teléfono para a que eles non deran consentimento.

En todo caso a reacción máis abraiante foi a dun cativo cando intentaba describir como fora o ruído da bomba da Chelsea, dixo: “Soou coma se un millón de pianos acabaran de caer”…ao que Trevor Noah apostillou: ”Así é como sabes que vives nun país do primeiro mundo, cando a comparación do ruído dunha bomba é cun piano ao caer…seguro que en Siria os nenos din que é unha bomba e soa coma unha bomba”. Noah buscaba a reflexión non a risa a costa dun atentado.

A imaxe dun cativo en Siria nunha padiola ferido e coa ollada perdida que deu a volta o mundo esta semana, estivo tamén presente en Nova York a través de Barack Obama. Un neno americano de 6 anos escribiulle ao presidente dos Estados Unidos para que buscara a ese cativo en Siria e o trouxera a súa casa, que a súa familia o podería adoptar. Obama fixo pública esa carta o luns no primeiro Cumio sobre Refuxiados e Migrantes da ONU para deixar claro que os nenos son nenos, estean onde estean, e hai que protexelos, a uns das bombas que matan, e aos outros das que soan coma pianos pero educan no odio, un odio que é a peor das armas posibles.

Ahmad Khan Rahami, é cidadán americano de orixe afgano, nin el nin a súa familia puideron a chegar integrarse nunca no condado de Elisabeth, a moitos non lle estrañou a radicalización de Ahmad. O odio derivou en bombas, unha vez máis.

Te puede interesar