DENTRO DO IMPERIO

O segredo peor gardado de Nixon

<p></p>
photo_camera Nixon nunha rolda de prensa.

Nixon foi ate o de agora o único presidente en dimitir do seu cargo, e foi polo escándalo do “Watergate”, lembren, as escoitas ilegais na sede da convención do Partido Demócrata.

PDB” son as siglas que gardan algúns dos maiores segredos do mundo e tamén algunhas das maiores pifias e obviedades históricas. Responden a “President´s Daily Brief” (Dossier Diario do Presidente) que é un cartafol que a CIA lle pon ao presidente dos Estados Unidos todos os días sobre a mesa para que vexa como se ergue o mundo.

Acaban de facerse públicos 2.500 documentos cun total de 28.000 páxinas dos “PDB” correspondentes ás presidencias de Richard Nixon (1969-1974) e Gerald Ford (1974-1977). Nixon foi ate o de agora o único presidente en dimitir do seu cargo, e foi polo escándalo do “Watergate”, lembren, as escoitas ilegais na sede da convención do Partido Demócrata. Trala renuncia de Nixon, o seu vicepresidente, Ford, convertiuse en presidente dos Estados Unidos.

A historia de Ford é curiosa. Responde á máxima expresión de estar no momento adecuado no sitio correcto. Chegou a vicepresidente con Nixon de rebote. O vicepresidente de Nixon era Spirow Agnew, un tándem que arrasou nas eleccións do 1968. Nixon caeu, pero antes de que caera Nixon caeu Agnew. Curiosamente Agnew non dimitiu polo “Watergate” se non por un escándalo de subornos cando aínda era gobernador de Maryland. E para substituír a Agnew, Nixon elevou a vicepresidente a Gerald Ford cando non era nin de lonxe o mellor colocado para ese posto.

A flamante vicepresidencia duroulle a Ford nove meses…o tempo que tardou en dimitir Richard Nixon. Xa que logo, en nove meses, Gerald Ford pasou de ser Congresista por Michigan a ser o 38º Presidente dos Estados Unidos. Con esta meteórica ascensión non é de estrañar que a frase que aparece no “PDB” do día do traspaso de poderes entre os dous presidentes sexa esta:

“O mundo nas pasadas 24 horas parece que agardaba mentres o proceso sucesorio en Estados Unidos se resolvía. Ningún dos potenciais creadores de problemas fixo sequera un son”.

O mundo non se movera porque aínda estaban a informarse de quen era ese tal Ford que de súpeto se convertera no dono do “botón vermello”. A renuncia de Nixon tampouco lle veu ben ao seu inimigo íntimo Leónidas Brezhnev. Este “perdeu credibilidade”, segundo a CIA, ante o Politburó, xa que iniciara o achegamento a Estados Unidos e a Nixon coa sinatura en 1972 do Tratado de Limitación de Armas Estratéxicas, e a propia visita de Nixon a Moscova. É curioso tamén como, contra a súa vontade, a imaxe de Brezhnev pasaría a historia non por cousas coma esta se non tralo bico na boca con Erich Honecker, hoxe convertido en icona da arte mundial…pero iso aínda estaba por chegar, aínda estabamos en 1974.

Os papeis da CIA foron desclasificados en California no simposio “The President´s Daily Brief: Comunicando Intelixencia a Nixon e Ford” e revisan un período de 8 anos de turbulencias políticas. Nun principio os informes eran de 10 páxinas, un pola mañá e outro pola tarde, que no mandado de Ford chegaron a ser de 20 páxinas. Henry Kissinger, o todopoderoso Secretario de Estado -uns dos poucos cargos que Ford no puido purgar da Administración Nixon- estaba obsesionado con estes informes e co control do xogo das superpotencias.

Os dossiers falan tamén da reacción de Korea do Norte á renuncia de Nixon, cualificando o feito como a “caída do xefe malvado” do imperialismo americano. Falan tamén dos atentados das Olimpíadas de Múnic e a segura reacción de Israel. O 6 de setembro de 1972 Nixon recibe estas verbas da CIA: “A vinganza parece segura. Aínda que os israelís poderían permitir que a indignación internacional fora suficiente resposta polo de agora, xa se está a estender no país un sentimento de resposta. Calquera acción de represalia será severa.” A verdade non parece que haxa que traballar moito a intelixencia para chegar a esta conclusión.

Un dos casos curiosos, e máis hoxe que os conflictos se retransmiten en directo e por Twitter, é o da guerra do Yom Kippur. O ataque comezou o 6 de outubro de 1973 cando Exipto e Siria penetraron no Sinaí e os Altos do Golán coincidindo co día máis sagrado do calendario xudeu. Pois ben, o día antes do ataque o “PDB” de Nixon dicía que: “Non parece haber preparativos dunha ofensiva contra Israel”. Eran outros tempos. Seguramente eses 28.000 documentos desclasificados están peneirados unha e mil veces para que non se saiba todo o que pasou pero estas historias humanizan aos “servizos segredos” moitas veces moito menos segredos, e moito máis obvios, do que semellan.

Por certo que entre os candidatos á presidencia dos Estados Unidos este ano -Trump e Clinton á marxe- hai un ex axente da CIA, Ewan McMulling, que farto de Trump pretende recoller -polo de agora sen éxito- parte do voto descontento republicano. A súa relevancia a tal hora é insignificante pero seguro que a Obama xa lle falaron de McMulling no “PDB” co que almorza cada mañá na Casa Branca.

Te puede interesar