CULTURA

Pura Vázquez, poesía e natureza

Cerca de 300 escolares de sete centros educativos da provincia participaron nunha homenaxe polo centenario do nacemento de Pura Vázquez, que se celebrou na Insua dos Poetas, en A Esgueva, Madarnás

Mestra da palabra, que abriu en Galicia as portas á literatura infantil e xuvenil. Deste xeito destacou Manuel Baltar, presidente da Deputación, a Pura Vázquez, dedicada á ensinanza e á escritura, que foi a protagonista na memoria neste acto que recordou o centenario do seu nacemento. Esta xornada, na que tamén se conmemorou o Día mundial da Diversidade Cultural e o Día europeo da Rede Natura, permitiu mesturar cultura, arte e natureza. Luis González Tosar, presidente da Fundación Insua dos Poetas, emprazamento onde se celebrou o acto, calificou  esta xuntanza como "un diálogo entre literatura e a natureza, e os nenos, protagonistas desta festa da palabra". 

A poesía foi o nexo de unión entre o pasado e o futuro, un xeito de homenaxear a unha das expertas na materia da man de preto de 300 principiantes no mundo dos versos. Os alumnos participantes desprazáronse dende de sete centros escolares da provincia, do CEIP Virxe da Guadalupe, de Avión; Emilia Pardo Bazán, de Leiro; Saco e Arce, de Toén e catro da capital, o Virxe de Covadonga, A Inmaculada, Manuel Luis Acuña e Manuel Sueiro. 

O inicio deste acto versou nunha presentación, da man de dúas rapazas que presentaron as proezas máis destacadas da vida da escritora. O tempo dos versos veu despois, cando os cativos leron varias mostras dos poemas "Amante" e "El caracol". Como mostra á diversidade, os alumnos do CEIP Manuel Luis Acuña representaron unha peza de creación propia, na que as súas palabras facían reflexionar sobre o verdadeiro sentido da amizade lonxe dos estigmas. 

A actividade central da mañá foi "Creamos poemas con Pura", na que xogando cun dodecaedro, cada un dos sete rapaces que representaban ós centros educativos, sacou tres versos ó azar cos que se elaborou un poema novo. O resultado final leuno a viva voz Luis González Tosar. O broche final correu a cargo do grupo musical A Roda, seguido dunha ofrenda multitudinaria no monumento das irmás Pura e Dora Vázquez instalado nesta ubicación. 

Pequenos e maiores disfrutaron da música, dos versos e da lectura, nun acto no que os protagonistas foron os máis pequenos. As súas lecturas, tanto de creación propia como da homenaxeada, encheron de versos este lugar da natureza. Ensinaron, ademáis, o seu coñecemento literario sobre a vida da autora e sobre a representación galega no mundo das letras, levando libros de agasallo.

As autoridades tamén quixeron formar parte desta homenaxe. Así, a Insua tamén acolleu ó presidente da Deputación, Manuel Baltar; ó secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Valentín García; á xefa territorial de Cultura, María Luz Fernández; ó alcalde do Carballiño, Francisco Fumega, e ó presidente da Fundación Insua dos Poetas, Luis González Tosar. 

O presidente da Deputación resaltou a importancia de honrar a Pura Vázquez, como xa se fixo tamén no Día das Letras Galegas. Destacou a importancia da nosa cultura "a que temos propia, o idioma galego, a nosa lingua nai" e resaltou "o talento e creatividade que temos na provincia, con exemplos dabondo". Ademáis, simbolizou cas mans, xunto cos case 300 rapaces, as letras "OU", que afirmou representativas de Ourense, de Pura e Dora Vázquez e presentes en palabras importantes no noso idioma e en moitos outros.

Valentín Garcia, secretario xeral de Política Lingüística, mostrouse cercano ca xuventude e animounos a seguir defendendo e utilizando a lingua galega, que se fixo un oco na memoria dos rapaces gracias a escritoras infantís coma a homenaxeada. Pola súa parte, Francisco Fumega fixo especial mención a este emprazamento que "ten encontros históricos, recendos do medievo e da emigración" e calificouno como un lugar "de colaboración".

Te puede interesar