O CARBALLIÑO

A abstención do PP e do BNG posibilita aprobar o orzamento

20180712220011087_result
photo_camera Sesión plenaria da Corporación, presidida por Francisco Fumega.

A Corporación carballiñesa tamén acordou investir en obras os 833.000 euros do superávit de 2017

O equipo de goberno do Concello do Carballiño, do PSOE, aprobou en solitario cos seus oito votos os orzamentos correspondentes ó presente ano (9,6 millóns de euros), que pasan a ser definitivos ó ser rexeitadas polo interventor as alegacións formuladas ó acordo inicial do mes de maio. Os grupos políticos da oposición PP e BNG  decidiron optar pola abstención (oito votos), mentres o único edil de Alternativa Veciñal posicionouse en contra.Ó

respecto, o concelleiro Bernardo García, argumentou o seu rexentamento considerando que "estes orzamentos deberían estar vencellados á relación de postos de traballo", e criticou o feito de que as partidas que propuxo para a Casa da Xuventude ou expropiacións de terreos non fosen aceptadas. Pola súa banda, o nacionalista Xosé Francisco Ferreiro botou de menos máis dotación económica para servizos sociais, e cambiou o seu voto negativo en abstención.

O alcalde, Francisco Fumega, manifestou a súa intención de "asumir a meirande parte das alegacións presentadas", xa que serán incorporadas á correspondente partida de investimentos, motivando deste xeito un achegamento cos populares, que finalmente apostaron por "dar o paso definitivo a estes orzamentos", tal e como subliñou o seu voceiro, Argimiro Marnotes. Na mesma sesión plenaria, a Corporación tamén aprobou inicialmente un expediente relativo a destinar un total de 833.000 euros de superávit de 2017 para investimentos en obras de infraestructura, cos votos favorables de PSOE e PP.

Concretamente, segundo explicou Fumega, máis de 700.000 euros serán destinados á mellora de rúas, coma son ás de baixada ó Balneario ou á de Señorín, e unha cantidade aproximada de 80.000 euros para a mellora da eficiencia enerxética na rede de alumeado.


Nova ordenanza para as terrazas


Os grupos socialista e popular aprobaron por maioría o expediente definitivo da ordenanza de mesas de terraza, coa abstención de BNG e Alternativa Veciñal .

O alcalde defendeu esta nova normativa, que xa introduce a capacidade sancionadora da Policía Local, antes en mans da Garda Civil, e a obriga da limpeza diaria da contorna do establecemento de hostelería que as instale. Bernardo García amosou a súa contrariedade pola falta de control sobre este tipo de instalacións, "xa que temos detectadas 36 mesas nun local cando só ten permiso para 18". Marnotes avogou pola posta en marcha dunha ordenanza "que regule a publicidade que fan determinadas empresas" en toldos e mesas, mentres Ferreiro apuntou a "necesaria conciliación entre o descanso dos veciños e o lecer", a fin de evitar conflitos.

Te puede interesar