O CARBALLIñO

O aceiro de EBA

Hai espazos nos que semella converxer coma non vórtice a beleza da arte e a natureza. Son territorios insólitos, onde a intervención humana axuda a que a paisaxe ardore con toda a forza de seu

Un deses lugares de fascinio é a Insua dos Poetas, singular enclave soñado polo escritor Luís González Tosar que creou, nas terras da Esgueva, en Madarnás, O Carballiño, unha república literaria ideal, paradiso cultural no que se dan a man a mestría escultórica, a memoria da Palabra e o respecto ao Medio.

Como cada ano polos primeiros da sega, a Fundación Insua dos Poetas, capitaneada polo amentado González Tosar, celebrou o pasado día doce a VI Festa da Palabra, evento que conmemorou o trinta e cinco aniversario do pasamento do grande ourensao Eduardo Blanco-Amor. Con tal motivo, inaugurouse unha extraordinaria instalación do artista Acisclo Manzano coa que se honrou a lembranza do escritor, iniciativa máis que oportuna a teor da declaración por parte do Parlamento de Galicia deste 2014 como Ano Blanco-Amor.

Podería escribir sobre o feliz convivio de parroquianos e intelectuais nesta celebración que serviu para entregar a distintas persoas e institucións os Premios Setecarballas (entre eles a Carballa da Comunicación concedida a La Región, que recolleu a súa conselleira e destacada xornalista Maribel Outeiriño). Podería dicir da oportuna e moi interesante edición do cartafol Eduardo Blanco-Amor na Insua dos Poetas que coordinou Xabier Castro Martínez e que recolleu moi valiosos textos e materiais sobre o autor, mais préstame hoxe centrar a atención no magnífico grupo escultórico que Manzano deseñou e executou para perpetuar o recordo de EBA na Insua.

Animado por González Tosar e por el aconsellado nas cuestións que informaron no literario a súa obra de arte, Manzano creou unha instalación nunha contorna especialmente disposta para acollela: un anfiteatro natural en pedra granito do país que preside unha gran placa de seis metros de longo e considerable altor onde foi gravado o nome do escritor, o lugar e ano de nacemento e morte e unhas palabras coas que principia a célebre novela A Esmorga.

Este espazo acoutado -que limita cunha frondosa e telúrica carballeira que sería moi do gusto do EBA que poetizou sobre emblemáticas árbores do país- ten como epicentro artístico o grupo escultórico propiamente dito, conformado por sete grandes láminas en aceiro corten de máis de cinco metros de altura que, dispostas nunha dinámica espiral, suxiren nese seu sucederse espiroide o abanar de follas metálicas co que o ar ha de acompañar este vangardista Stonehenge blancoamoriano, que ten nestes seus sete elementos a cifra e o código de todo o universo literario do de Ourense. Sete elementos sete, cabalístico número no que Manzano recolle outros tantos eidos de relevo na creación de Blanco-Amor; a saber: o teatro (do que comparece no metal unha suxestiva máscara); a poesía (con dúas figuras que transparentan o amatorio, sentimental e mesmo ecolóxico dos seus versos); A esmorga (cun Cibrán, un Bocas e un Milhomes imperecedoiros); Os biosbardos (nunha infante proxección imaxinaria); Xente ao lonxe (un espellar no rostro o complexo sentir do seu protagonista); La catedral y el niño (ese neno admirado perante o Pórtico do Paraíso, marabilla ourensá); e, presidindo o conxunto, no centro mesmo de sentido dese escenario de aceiro e verbas, o coñecido escorzo de EBA no que mostra ao mundo o seu esplendoroso reverso na entreluz porteña de 1940, alegoría última dun creador do que Manzano soubo coma poucos capturar a esencia para plasmar nesta instalación o espírito todo da ars amandi, scribendi e vivendi de quen se describía a si mesmo como dubitativo teimudo, viaxeiro insaciable, amador da vida e, por sobre todas as cousas, ourensao ata a medula. Un xenio para o que Acisclo Manzano ergueu un templo de corten ao que farían ben en peregrinar visitantes e admiradores e, tamén si, discentes e docentes, pois o conxunto ofrece indubidables valores didácticos para se introducir nas vizosas landas da escrita blancoamoriana.

Beizóns, pois, a Acisclo Manzano por tan monumental creación, aos talleres Metaldeza de Lalín por materializala e a Luís González Tosar por trazar o mapamundi do sentido último e, non menos importante, por catalizar vontades para facela posible. Na Insua dos Poetas agarda EBA en soño e aceiro, razón poderosa para non faltar á cita.

Te puede interesar