OCIO

A andaina e o trial atraen 220 deportistas ata Piñor

130 persoas participarán na andaina e 90 no trial, procedentes de distintos lugares de Ourense e do resto de Galicia

 O Concello de Piñor organiza a IV Andaina e Trail do Outono coa finalidade de fomentar o deporte e ao mesmo tempo dar a coñecer algúns dos lugares máis emblemáticos desde municipio.

A actividade está prevista para o próximo día 30 de setembro e o percorrido, que é circular, ten unha lonxitude de 14 quilómetros. Así, comezará no pobo de Arenteiro e discorre por varios lugares de interese como Arenteiriño, a fervenza do río Arenteiro, a antiga Fábrica de Papel, Loeda, Albarona, Piñor, A Veiga de Abaixo (San Cristovo de Cea), e Barrán. A andaina iníciase ás 10,00 horas e o trail unha hora máis tarde, ás 11,00.

Os participantes na andaina aportaron para inscribirse 5 euros, mentres que os do trail o fixeron con 10 euros.

Os responsables municipais esperan que a actividade sexa do agrado dos participantes xa que o percorrido ten un alto interese paisaxístico, cultural e etnográfico.

Onte rematou o prazo para inscribirse, contabilizando un total de 220 persoas, 130 que participarán na andaina e 90 no trial, procedentes de distintos lugares de Ourense e do resto de Galicia.

Te puede interesar