SERVICIOS

O aparcadoiro da rúa Otero Pedrayo terá 60 novas prazas

<p></p>
photo_camera Aspecto que presenta na actualidade a rúa carballiñesa de Otero Pedrayo.

O Concello de Carballiño acometerá unha reforma integral desta travesía por un importe total de 120.000 euros

O Concello do Carballiño acometerá o proxecto de remodelación da rúa Otero Pedrayo, tras recibir a confirmación por parte da Deputación provincial dunha subvención de 100.000 euros. O proxecto, cuxo custo total é de arredor de 120.000 euros, consiste na dotación dun novo pavimento, con asfaltado en quente; a instalación dun tramo de abastecemento, de conexión entre a Avenida 25 de Xullo e a rúa Xosé Fariña Jamardo, e unha mellora no saneamento, co obxectivo de resolver un problema de anegamento que hai no cruce da rúa Otero Pedrayo coa Avenida 25 de Xullo. Finalmente, o proxecto tamén inclúe o redeseño dos espazos de aparcadoiro, habilitando 60 novas prazas. Isto será posible ao establecerse nesta rúa a dirección única.

Debido a numerosas intervencións na calzada pola apertura de zanxas para a instalación de infraestruturas, presenta zonas moi deterioradas, polo que é preciso asfaltar. Así mesmo, hai un tramo que non ten beirarrúa e hai que construila. E con respecto ao problema de anegamento, requísense varias medidas: recuperación do pozo de bombeo existente, adaptación da arqueta do verquido existente e prolongación, recollida da vertedura de augas fecais e construción dun by-pass entre a tubería de evacuación de augas pluviais e a rede existente, na confluencia de Otero Pedrayo e Celso Emilio Ferreiro.

Tras esta remodelación, xunto cos proxectos levados a cabo anteriormente noutras rúas desta zona, teranse incrementado en máis dun centenar o número de novas prazas de aparcamento.

Unha vez que se proceda á contratación destas obras, o prazo de execución está previsto en tres meses. Con este proxecto, ademáis de mellorar esta rúa e resolver os problemas que ten actualmente, amplíanse as prazas de aparcadoiro e regúlase mellor o tráfico, segundo afirman as autoridades locais. 

O PP aplaude o apoio da Deputación

O Grupo municipal do Partido Popular mostra a súa satisfacción pola colaboración que a Deputación está a facer co Concello do Carballiño, "unha vez mais, atendendo a aqueles proxectos que se xustifican como necesarios para o noso pobo". Nese sentido lembra o PP que a Deputación, no que vai de ano, executou a mellora da

contorna do Bañiño de Arcos, un primeiro acceso provisional ao Balneario As Caldas de Partovia, concedeu subvención coa máxima aportación á Festa do Pulpo deste 2017, facilita a contratación de 4 persoas para o servizo de limpeza, e no que resta do ano, a maoires desta obra na rúa Otero Pedrayo, colaborará na mellora de pavimentación no núcleo de Señorín, e na contorna do pavillón de deportes Paco Chao. 

Te puede interesar