O CARBALLIÑO

O Bispo chama a colaborar entre igrexa e concello

photo_camera Francisco Fumega e Leonardo Lemos, no momento da firma no Libro de Honra do concello.

Leonardo Lemos asistiu á recepción das autoridades locais e firmou no Libro de Honra 

O Bispo de Ourense, monseñor Leonardo Lemos, aproveitou a visita pastoral que está levando a cabo no arciprestado do Carballiño para asistir á recepción oficial que lle fixo o alcalde, Francisco Fumega, e na que participou tamén unha parte da corporación municipal. A importancia de fomentar a colaboración mutua entre a igrexa e o concello é algo no que coincidiron e sobre o que insistiron os dous mandatarios, referíndose ó obxectivo común de axudar ás persoas que están en dificultades.

"Xuntos lograremos máis obxectivos para facer máis agradábel a existencia das persoas", manifestaba Leonardo Lemos, apuntando ademais que "o obxectivo é o mesmo, e temos que evitar enfrontamentos que non axudan a construír". O Bispo tamén matizaba que "a nosa cultura en Galicia non se entende sen a realidade cristiá", agradecendo a acollida das autoridades locais e que "saiban que poden contar comigo e cos sacerdotes da Dioceses".

"Entendo que a sensibilidade cristiá é parte moi importante da nosa vila", manifestaba Fumega, que tamén recoñecía que "vexo necesidades de familias que si non é polo labor da igrexa e de Cáritas non se poderían solucionar". O rexedor municipal coincidía co Bispo en que "se colaboramos todos podemos facer un mundo máis feliz, máis xusto, onde a xente poida chegar dignamente a finais de mes".

O párroco de Carballiño, José Benito Sieiro, enxalzou o labor da Cruz Vermella, da asistencia social, de Cáritas e San Vicente de Paul, que "están sostendo a 144 familias, e tamén a moitos transeúntes", ós que se lles da comida, aínda que se referiu á carencia dun sitio para durmir. O cura referiuse tamén a visita pastoral de Leonardo Lemos ás 93 parroquias e ós encontros que mantivo cos enfermos do asilo e con todos os grupos que desinteresadamente traballan na parroquia e axudan ás persoas.

Tamén agradecía o párroco a colaboración do Concello coa igrexa como a dispoñibilidade recente de sete obreiros para colocar a imaxe da Virxe do Carmen na súa carroza, entre outras axudas. José Benito Sieiro anunciaba ademais a celebración da misa hoxe, ás 19,00 horas no templo da Veracruz, oficiada polo Bispo, aproveitando esta visita pastoral ó arciprestado, que empezou polo Carballiño.

O Bispo de Ourense recibiu do alcalde o escudo do Carballiño e un libro do arquivo do Concello, e Fumega un libro da carta pastoral. A recepción oficial rematou coa firma de Monseñor no Libro de Honra do concello.

Te puede interesar