política

O BNG carballiñés decide non entrar no goberno local

O BNG xa compartira responsabilidades de goberno con outros grupos socialistas en anteriores lexislaturas

A asamblea local do BNG do Carballiño rexeitou por maioría entrar a formar parte do goberno municipal, que está en mans dos socialistas en minoría. O portavoz da formación nacionalista na Corporación, Xosé Francisco Ferreiro Abelleira, platexou a proposta na asamblea despois de manter unha reunión durante a pasada primavera con membros do equipo de goberno, que propuxo ao BNG compartir o que queda de mandato.

Xosé Francisco Ferreiro Abelleira forma parte da Corporación do Carballiño xunto con Sofía García. O portavoz trasladou a proposta á formación, que a rexeitou, aínda que con algunhas abstencións.

O BNG xa compartira responsabilidades de goberno con outros grupos socialistas en anteriores lexislaturas, e concretamente, Ferreiro Abelleira, xa estivera ao frente da área de servizos sociais.

En consecuencia, a decisión final da asamblea do BNG non alterará a composición actual do goberno local e o PSdeG, con Francisco Fumega á cabeza, deberá continuar negociando a aprobación dos asuntos de forma puntual con outros grupos da oposición, integrada polo PP, BNG e Alternativa Veciñal.

Ata o momento, foi Alternativa Veciñal, que ten un concelleiro, quen diu o apoio en asuntos tan importantes como os orzamentos anuais. A cambio, o goberno comprometeuse a municipalizar servizos como o de recaudación e a executar diversos proxectos de obras propostas polo portavoz, Bernardo García.

Te puede interesar