SERVIZOS

O camping do Carballiño mantén a xestión pública

<p></p>
photo_camera Instalacións do Muíño das Lousas, na beira do río Arenteiro.

O Concello xa ten as bases para a adxudicación do Muíño das Lousas

O equipo de goberno do Concello do Carballiño decidiu descartar a externalización da xestión do cámping municipal, que a Concellería de Turismo anunciara o ano pasado e que tamén incluiría a adxudicación do restaurante do Muíño das Lousas, ubicados á beira do río Arenteiro. As críticas dos grupos da oposición a esta iniciativa foron determinantes para que as instalacións públicas de acampada se manteñan en mans municipais.

Así o confirmaba onte o concelleiro de Turismo, José Manuel Dacal, ó asegurar que "manteremos a xestión do camping porque penso que non está a funcionar mal, se ben cremos que hai que mellorar a súa promoción a nivel exterior para que o número de clientes se incremente cada ano".

Neste senso, o Concello carballiñés promoverá campañas de difusión da zona de acampada, aberta ó público entre os periodos vacacionais de Semana Santa e o mes de setembro, xa que a área reservada para as pallozas turísticas ten demanda prácticamente todo o ano. Por outra banda, e con respecto ó Muíño das Lousas, que permanece pechado dende hai catro anos pola rescisión do contrato dos anteriores adxudicatarios, o alcalde do Carballiño, Francisco Fumega, comentou que "na secretaría municipal xa están ultimados os pregos de condicións económicas para o correspondente concurso de nova concesión".


Investimento


Nas bases contémplase que a empresa que finalmente se faga co concurso se encargue da súa xestión por un periodo mínimo de 10 anos, mentres o canon mínimo fixado é de 320 euros mensuais, que deberá ser mellorado polos licitadores. Ademais, o concesionario deberá garantir un investimento aproximado de 35.000 euros para acometer as melloras necesarias para o acondicionamento desta infraestructura hosteleira.

Te puede interesar