CITA GASTRONÓMICA

Carballiño presenta a Festa do Pulpo o sábado en Nuremberg

Unha representación municipal participará no evento gastronómico que se celebra na cidade alemá

A LV Festa do Pulpo será presentada o próximo sábado en Nuremberg (Alemania) como unha das manifestacións gastronómicas e culturais máis multitudinarias e populares de Galicia. O acto desenvolverase no Centro Galego desta cidade que, a súa vez, tamén celebra o 25 aniversario da súa propia Festa do Pulpo. Para reforzar a declaración da Festa do Pulpo do Carballiño como Festa de Interese Turístico Internacional, é polo que este ano se tomou a iniciativa de dedicarlle a festa ao Centro Galego de Nuremberg.

Para isto, desprazaranse ata esa cidade, situada na rexión de Franconia, no estado de Baviera, unha delegación da corporación carballiñesa, encabezada polo alcalde, Francisco Fumega, e formada polo concelleiro de Turismo, José Manuel Dacal; o portavoz do PP, Argimiro Marnotes e o portavoz de AV-Son, Bernardo García. Tamén irán dous pulpeiros. Asemade, confirmou a asistencia a este acto o secretario xeral de Emigración da Xunta, Antonio Rodríguez Miranda.

O acto celebrarase o sábado pola tarde, ao comezo dunha festa que organiza o Centro Galego e que reunirá a miles de persoas nunha céntrica rúa que se pechará ao tráfico para o efecto. O protagonismo será para o pulpo á feira, pero tamén haberá outras actividades, como un concerto de Cristina Pato, que foi contratada polo Centro Galego.

Tanto a dedicación da Festa do Pulpo ao Centro Galego de Nuremberg como a procura da internacionalidade, foron os motivos que máis impulsaron ao concello para seleccionar un cartel que fose representativo do evento e ao mesmo tempo que fose un bo reclamo publicitario. Ao final, optouse por un cartel que contén os dous emblemas do Carballiño e Nuremberg, como son o Templo da Veracruz e o Castelo Imperial. É un traballo de debuxo e deseño de Ovidio José Feijoo Oliveros, encargado polo Concello.

Te puede interesar