Carballiño reclama a declaración de festa internacional

photo_camera Núñez Feijóo, acompañado do alcalde, Francisco Fumega. (M. PINAL)

O presidente da Xunta afirmou que só falta oficializar "unha realidade" de 55 anos de historia para a declaración que está a plantexar o Concello

As retencións de tráfico motivaron que o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, chegase ó Parque municipal con media hora de retraso, sendo recibido polo alcalde da vila, Francisco Fumega, xunto co resto de concelleiros da Corporación.

O rexedor carballiñés agradeceu "o esforzo realizado este ano coa Festa do Pulpo polo Goberno autonómico, e o apoio adicional que nos están dando para conseguir a calificación de Festa de Interese Turístico Internacional".

Pola súa banda, Núñez Feijóo destacou este festexo "como exemplo da Galicia acolledora e aberta, que ten moito que ofrecer e que tamén quere recibir o que achega o visitante, porque a nosa identidade fíxose sumando". O presidente da Xunta resaltou "o poder de convocatoria que ten o pulpo e os 55 anos de historia desta festa, que na realidade xa é de interese internacional e só falta casar esta realidade coa oficialidade".

Alcaldes e concelleiros do Carballiño e do Ribeiro, e os directores xerais de Turismo, Nava Castro; Emerxencias, Luis Menor, e Emigración, Antonio Rodríguez, acudiron á cita, xunto co sudelegado do Goberno en Ourense, Roberto Castro, e o presidente do Parlamento, Miguel Santalices.

Te puede interesar