GALARDÓN

Carlos Varela, Cesáreo Rivera e Olimpio Liste, premios Arenteira

O galardón Arenteira Modalidade Deporte recaeu en Cesáreo Rivera Pérez, exfutbolista e considerado o maior exponente nesta disciplina saído do Carballiño

O Xurado encargado da elección dos premiados nesta III Edición do Galardón da Arenteira, que organiza con carácter anual un establecemento hosteleiro do Carballiño, acordou conceder o Arenteira Modalide Cultura e Investigación a Carlos Varela García; na modalidade Deporte a Cesáreo Rivera Pérez e Arenteira a Título Póstumo, a Olimpio Liste Regueiro.

A Carlos Varela García, fiscal superior de Galicia, recoñécese con este premio "o seu decidido compromiso coa nosa lingüa e coa normalización lingüística da xustiza, manifestada abertamente e polo seu traballo neste sentido, tanto nas diversas publicacións realizadas como nas institucións e asociacións ás que pertence".

O galardón Arenteira Modalidade Deporte recaeu en Cesáreo Rivera Pérez, exfutbolista e considerado o maior exponente nesta disciplina saído do Carballiño. Foi xogador do Celta, do Sevilla e internacional coa Selección Española. O xurado subliña que foi proposto pola práctica totalidade dos centros educativos das comarcas do Carballiño e O Ribeiro que votaron nesta edición.

A organización incorpora este ano por primeira vez a nova modalidade de Título Póstumo, que foi para Olimpio Liste Regueiro, fundador do Museo Liste de Oseira (San Cristovo de Cea). "Personaxe fundamental na preservación do noso legado patrimonial e valedor do mesmo nunha dura batalla na que non sempre foi correspondido e comprendido", sinala o xurado.

A entrega destes galardóns farase o vindeiro día 28 de novembro, ás 20,00 horas.

Este premio é de recoñecemento a persoas que destacan no eido da cultura, a investigación e o deporte das comarcas veciñas do Carballiño e O Ribeiro.

Te puede interesar