MUNICIPAIS 2015

Chema Ferreiro encabeza unha candidatura do BNG "para todos os veciños" de Carballiño

photo_camera O candidato do BNG á alcaldía de Carballiño, Chema Ferreiro, este martes en rolda de prensa. (MARTIÑO PINAL)

"O Carballiño non pode perder outros catro anos. Hai solucións e escoitaremos as propostas de todos os colectivos”, salientou o candidato nacionalista

“Chema Ferreiro é exemplo de honradez e de compromiso co país cunha vida ao servizo da cidadanía tanto no profesional como no político”. Así definía o portavoz nacional, Xavier Vence, ao cabeza de lista da candidatura BNG-Asembleas Abertas no Carballiño para as eleccións municipais de maio, unha candidatura que combinará “experiencia e renovación”.

Vence salientou o traballo a favor do Carballiño realizado por Ferreiro tanto na súa etapa no Concello como no Goberno da Xunta, “en particular cos servizos sociais avanzados e de carácter público, como a residencia da terceira idade, para que non haxa empresas que podan facer negocio a costa da saúde dos maiores” en referencia a intención de privatización do goberno local do PP.

O dirixente nacionalista amosou o seu convencemento de que Ferreiro “obterá a confianza da maioría dos veciños e veciñas” para gobernar O Carballiño, “porque ten ideas, ten capacidade de traballo, ten vocación de servizo público” e contará cunha equipa de xente nova que o acompañará na candidatura, alegou.

Aposta polos servizos públicos de proximidade desde o Concello “prestados con eficacia”, dinamización do tecido económico local, empezando polo comercio e favorecendo a instalación de empresas, servizos sociais para atender as persoas con maior dificultades e participación directa de todos os sectores e colectivos, centran os obxectivos da candidatura BNG-Asembleas Abertas.

“Queremos que O Carballiño sexa un concello ao servizo da cidadanía, que serva de ferramenta para mellorar a calidade de vida de todos os veciños e veciñas”, como fai o BNG nos municipios onde goberna, concluíu Vence.


Reto ambicioso

Pola súa parte, Ferreiro asegurou que se fixa “o reto ambicioso” de ter responsabilidades de goberno, e que aceptou ese reto “porque hai un grupo de xente moi cualificada comigo, nunha candidatura que na miña persoa representa experiencia, é o digo desde a modestia, pero tamén a renovación de xente nova”.

A defensa “dos máis necesitados” con propostas para todo o Concello, “incluídas as parroquias do ámbito rural hoxe abandonadas”, entre os obxectivos de Ferreiro, quen aproveitou a presentación para salientar algunhas das súas propostas para O Carballiño.

Promover o ámbito turístico-termal, posta en valor do matadoiro, apertura da ampliación da residencia da terceira idade garantindo o seu carácter público “fronte ás pretensións privatizadoras” do goberno local do PP, solucionar o endémico problema do chabolismo “por cuestións sociais e hixiénicas” máxime cando xa están os terreos adquiridos, investimento para unha residencia de tempo libre e, de paso, conservar un dos edificios máis singulares da vila, enumerou.

“Somos optimistas, hai solucións e queremos trasladalo á cidadanía, queremos que todos e todas se sintan representados nesta candidatura e escoitaremos as propostas que teñan que facernos desde todos os colectivos, do centro urbano e das parroquias”, insistiu. “O Carballiño non pode permitirse perder outros catro anos”, concluíu.

O acto contou coa presenza de Sofía García e de Manuel Amil, encargado de facer a presentación do candidato, a quen definiu como unha persoa “honesta e de experiencia fenomenal”, glosando as aportacións que xa ten feito ao Carballiño desde as súas diferentes responsabilidades políticas.

Te puede interesar