O distintivo de calidade promoverá os alimentos caseiros e artesanais

<p></p>
photo_camera A conselleira, no centro, visitou onte a Confitería Cerviño.

A Consellería de Medio Rural prevé que entre en vigor no próximo ano.

Os alimentos artesanais de Galicia contarán cun distintivo de calidade, no que está a traballar a Xunta de Galicia, que prevé que entre en vigor ao longo do próximo ano. Así o anunciou a conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, durante a visita que realizou onte á Confitería Cerviño do Carballiño, destacando a importancia de promover a produción alimentaria artesanal como xeito de poñer en valor os produtos de calidade do agro galego. Acompañada pola directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, a titular de Medio Rural explicou que con esta norma preténdese recoñecer e fomentar os valores económicos, culturais e sociais que a artesanía alimentaria representa para Galicia e preservar e conservar as pequenas empresas familiares que elaboran produtos alimenticios como neste caso a Confitería Cerviño.

Coa regulación da artesanía alimentaria búscase poñer en valor os produtos alimentarios comercializados por pequenas empresas, moitas veces ligadas a unha explotación agraria, elaborados coa intervención directa do seu titular, o artesán alimentario.

Estes produtos, de elevada calidade polas materias primas utilizadas e polo esmero do artesán na súa elaboración, comercializaranse co distintivo da “Artesanía alimentaria”. Dentro deles, os que proveñan de zonas de montaña poderán levar ademais a mención “Produto de montaña” e os que estean elaborados utilizando materias primas da propia explotación agraria á que estean ligados poderán utilizar tamén a mención “Produto artesán da casa” ou “Produto artesán caseiro”. Para regular esta materia, segundo indican os responsables de Medio Rural, pártese de que Galicia conta cunha gran tradición na elaboración de produtos alimentarios artesanais, que forman parte da súa cultura popular e que gozan dun alto aprecio entre os consumidores, mesmo fóra da comunidade.

"A elaboración destes produtos ten contribuído non só a engrandecer a riqueza cultural de Galicia senón á creación dunha economía básica para moitas familias do medio rural", conclúen.

Te puede interesar