O CARBALLIÑO

Eliminados 100 niños de velutina desde o pasado agosto en Boborás

A consellería de Medio Rural entregou a Protección civil unha pértega e dous traxes especiais

O Concello de Boborás e a Protección Civil do municipio levan retirado, dende que se adheriron ao programa de Medio Rural para a loita contra a velutina, un total de 100 niños desta especie.

Dentro deste programa, que se iniciou a finais de agosto deste ano, a consellería entregou á agrupación e ao concello dous traxes especiais, así como unha pértega de 21 metros coa súa bomba correspondente para poder eliminar co veneno esta especie invasora.
As parroquias con máis incidencia foron Albarellos, Pazos de Arenteiro, Cameixa, Laxas, Brués, Moldes, Astureses, Xuvencos, Feás e Xendive coincidindo coas zonas medias e baixas en canto á altitude.

A agrupación de Protección Civil de Boborás, prevé que na época na que a velutina volva criar se coloquen trampas polas zonas afectadas co fin de eliminar o maior número de raiñas posible e diminuír a incidencia na zona. As persoas teñen que avisar a través do 012 ou 112 da existencia do niño, e este ente a través dunha aplicación achega os datos ao concello.

Te puede interesar