O CARBALLIÑO

Antón Pulido recibiu o Premio Ágora do Orcellón

Participou nun acto de recoñecemento a súa traxectoria pola cultura

O Instituto de Estudios Carballiñeses (IEC) entregou o “III Premio Ágora do Orcellón” a Antón Pulido, en recoñecemento pola súa traxectoria dedicada á cultura xa sexa como pintor, gravador, deseñador e tamén como xestor cultural. A Casa da Cultura do Carballiño quedouse pequena para acoller a tantos colaboradores, socios da entidade e amigos do homenaxeado que asistiron ao acto. 

O presidente do IEC, Avelino Muleiro, expresaba o agradecemento polo apoio prestado ao secretario xeral Política Lingüística, Valentín García, ao Concello do Carballiño representado polo alcalde, Francisco Fumega e a os 65 colaboradores "sen vostedes este premio sería imposible".

As intervencións que seguiron abordaron as distintas facetas culturais do homenaxeado e destacárono como persoa xenerosa. Ao ser natural de Bóveda (Amoeiro) non pudo faltar o rexidor deste municipio, Rafael Rodríguez Villarino; tamén Victor Vázquez Portomeñe, exconselleiro de Cultura, que se referiu a época en que foi director xeral de Cultura e director do Centro Galego de Arte Contemporánea, defendendo premisas como "a cultura é a que nos fai galegos" ou "a política ten que estar ao servizo da cultura".Tamén interviron Luis González Tosar, Xavier Limia Jardón, Luis Ferro, Fernando Ramos e Luis Espada. 

O catedrático José Manuel García fixo unha laudatio do premiado destacando as súas diversas facetas como escritor, músico e mestre, e tamén no mundo da política como "un home creativo". 

O arquitecto, Óscar Gonfer, obsequiouno cun retrato, ao mesmo tempo que recibía o monográfico da revista "Ágora do Orcellón"número 34.

O Cuarteto Caramuxo interpretou, entre outras pezas, a obra "Kermesse", do compositor Antón Luis Pulido, fillo do premiado.n

Te puede interesar