VI FESTA DA PALABRA

A Festa da Palabra entrega mañá as distincións “Setecarballas"

Entre os elexidos figura La Región, a Cooperativa do Ribeiro e a Asociación de Discapacitados Físicos do Carballiño

O xurado cualificador das distincións “Setecarballas da Insua dos Poetas” 2014, que anualmente concede a Fundación Insua dos Poetas, e que serán entregadas mañá na VI Festa da Palabra (12,00 horas, Madarnás), acordou onte galardoar a sete persoas e institucións. A Fundación Manuel Curros Enríquez recibirá a Carballa das Letras polo seu ininterrompido labor, ao longo dunha década, na promoción da lingua e da cultura galega; Nicolás González Aller, Carballa das Artes, un artista que desde o eido da pintura ten incorporado investigacións na integración da arte coa natureza.

O xurado tamén premia a EQUAL Sociedade Cooperativa galega coa Carballa da Natureza por un proxecto de cooperativa de traballo asociado formado por tres promotoras que decidiron abandonar as súas profesións no ensino para acometer unha interesante andadura no eido do ensino non reglado. O Terzo da Fala de Bos Aires foi seleccionado para a Carballa da Cultura Galega na Emigración, está integrado por descendentes de galegos e tamén por persoas que aman o idioma e a cultural galega.

A Adega Cooperativa do Ribeiro  recibirá a Carballa do Compromiso Empresarial por destacar desde os seus comenzos pola súa colaboración coa cultura. Da Asociación de Discapacitados Físicos de O Carballiño e Comarca destaca o xurado que ten como finalidade primordial mellorar a calidade de vida e posibilitar a plena integración das persoas con discapacidade física, otorgándolle a Carballa de Acción Social.

O periódico La Región recollerá a Carballa da Comunicación como o xornal de todos os ourensáns no mundo, o medio de comunicación da ourensanía. A cultura galega débelle a La Región as mellores páxinas de escritores de todas as xeracións. Moi especialmente aos de Nós: Vicente Risco, Ramón Otero Pedrayo, Florentino Cuevillas e tamén Blanco-Amor, ó que se lle adica esta Festa da Palabra.

Te puede interesar