Inma López e Xosé Ramón Pena gañan o Premio Antón Losada

<p></p>
photo_camera O xurado do Premio Antón Losada Diéguez reuniuse onte no Concello do Carballiño.

As obras premiadas son "Aqueles días en que éramos malas" e "Historia da Literatura Galega III"

A novela “Aqueles días en que éramos malas”, de Inma López Silva, e a publicación “Historia da Literatura Galega III. De 1916 a 1936”, de Xosé Ramón Pena, resultaron gañadoras nas modalidades de creación literaria e investigación e ensaio, respectivamente, no XXXII Premio Antón Losada Diéguez. O xurado valorou moi positivamente a gran calidade das obras a concurso (30 en creación literaria e 12 en investigación e ensaio), o que dificultou o fallo, prolongándose o debate do xurado desde as 11,00 ás 13,30 horas.

Da obra "Historia da Literatura Galega III. De 1916 a 1936", editada por Edicións Xerais , o xurado destacou “a metodoloxía utilizada, o enfoque novidoso e actual, os contrastes con outras investigacións e a referencia a acontecementos históricos e a culturas que enriquecen este ambicioso proxecto”.

De “Aqueles días en que éramos malas”, editada por Galaxia, o xurado destaca “a utilización de varias voces femininas que lle van confesando á narradora as súas experiencias e as circunstancias que as levaron ó cárcere”. Salienta tamén o xurado “os diversos rexistros lingüísticos e unha habelencia discursiva que ofrece diferentes posibilidades de lectura, resultando un conxunto de historias vitais ben trabado e con categoría literaria”.

Inma López Silva mostrábase "moi satisfeita porque é un premio moi importante ao que non te presentas (fano as editoriais), e que te recoñezan, é unha honra". Sobre a novela apuntou que se publicou no mes de xuño do ano pasado e que trata das historias de cinco mulleres no cárcere da Lama. "Falan das súas vidas, do que as levou a delinquir e unha delas é escritora. Aborda o determinismo social, a maioría delas son vítimas da súa situación social e da pobreza".

Xosé Ramón Pena é a segunda vez que recibe o premio Antón Losada Diéguez. O primeiro gañouno hai casi 30 anos pola novela "Para despois do adeus". Asegura que "sempre é unha sorpresa gañar porque é moi complicado, xa que compites con obras de ámbitos diferentes, o xurado é moi amplo e os criterios poden variar". O escritor e investigador sinalou que leva casi seis anos coa Historia da Literatura, e que xa está a traballar no cuarto volume. "Quero entregalo por estas datas no ano que ven. Eu poño os prazos, porque nun traballo destas características non podes romper a disciplina".

Este premio, que convocan os concellos de Boborás e O Carballiño e co que colabora a Deputación de Ourense, está dotado con 6.000 euros en cada modalidade e será entregado no transcurso dun acto que se celebrará o próximo 10 de xuño en Moldes (Boborás), no Pazo da familia Losada. A organización desta XXXII edición do premio Antón Losada Diéguez correspondeulle a Carballiño, concello que se alterna co de Boborás cada ano. 

Dous doutores en Filoloxía que xa acumulan varias novelas e ensaios

Inma López Silva (Santiago de Compostela, 1978) é licenciada en Filoloxía Galega pola Universidade de Santiago de Compostela, doutora en Filoloxía pola mesma Universidade, é investigadora e crítica teatral. Outras obras súas de narrativa son: "Rosas, corvos e cancións", "Concubinas", "Neve en abril", "Non quero ser Doris Day", "New York, New York", "Memoria de cidades sen luz" e "Tinta". Ademais é autora de diversos ensaios sobre teatro.

Xosé Ramón Pena (Betanzos, 1956) é licenciado en Filoloxía Hispánica e Galego-Portuguesa pola Universidade de Santiago de Compostela, e doutor en Filoloxía. Profesor nas universidades de Vigo e California (Sta. Barbara), e na actualidade traballa como catedrático de Lingua e Literatura Galega en Vigo, ademais imparte clases na UNED. É autor de títulos como "Manuel Antonio e a vangarda", "Xograres do mar de Vigo", "Historia da literatura medieval galego-portuguesa". Tamén realizou estudos de "Na noite estrelecida, "Da Terra asoballada", "A esmorga", "No desterro". En narrativa ten títulos como "O reverso do espello", "Para despois do adeus", "Paixóns privadas", "A era de Acuario", "Fado de princesa", "A batalla do paraíso triste" e "Como en Alxeria".

Te puede interesar