turismo

Madrileños e andaluces, os que máis visitan a vila do Arenteiro

Agás no mes de setembro, no que a maioría eran galegos, o resto dos meses a inmensa maioría de visitantes procedía doutras comunidades españolas

A Oficina municipal de Turismo de Carballiño atendeu durante este verán a un total de 1.508 visitantes. A gran maioría de turistas procedían de cidades e lugares das comunidades autónomas españolas, incluída Galicia, e houbo un 13% de media cuxa procedencia era doutros países.

Agás no mes de setembro, no que a maioría eran galegos, o resto dos meses a inmensa maioría de visitantes procedía doutras comunidades españolas, en especial, de Madrid, Andalucía, Valencia e Murcia. Así, en xuño, os madrileños supuxeron o 28,43% fronte aos galegos, que foron o 26,47%; os vascos acadaron o 9,80% e os andaluces, o 7,64%. En xullo as porcentaxes de procedencia dos visitantes foron: Galicia, 27,94%; Andalucía, 21,81%; Madrid, 17,65%, e Valencia, 7,11%. En agosto, Madrid, o 17,90%; Galicia, 15,71%; Andalucía, 13,90%; Murcia, 10,27%, e Valencia, 8,16%. En setembro, Galicia situouse cun 57%; Andalucía, 16,50%, e Madrid, 7,64%.

En canto ás consultas realizadas, no ranking de preferencias turísticas figuran, en primeiro lugar, o Templo da Veracruz e os balnearios, e a continuación o Paseo do Arenteiro, o Parque Etrnográfico e onde comer pulpo. Tamén acada interese o patrimonio do románico na comarca, o Mosteiro de Oseira, Pazos de Arenteiro e Ribadavia, pero a nivel provincial é a Ribeira Sacra e a capital ourensá quen suscita máis demanda de información. Mentres, en Galicia, son Santiago e as Rías Baixas en especial as illas Cíes, e a Praia das Catedrais.

Te puede interesar